«Cáenme as bágoas cando vexo a Virxe do Carme»

Manuel Galbán impulsou a colocación dun monólito en memoria dos falecidos no mar, no que reza cada semana


redacción / la voz

Manuel Galbán Rodríguez é un dos 48 nomes que están gravados no monólito que desde o paseo da Ribeira mira cara o mar de Rianxo para lembrar aos mariñeiros do municipio falecidos. Foi un dos Lobos de Mar da Galicia mariñeira. El morreu no 1937, cando contaba con 30 anos. Afogou na ría de Arousa, preto da Pobra, cando trataba de salvar a un compañeiro que caera despois de que se abrira unha vía de auga no barco no que trasladaban berberecho para unha fábrica situada no litoral ribeirense. Non coñeceu ao máis pequeno dos cinco fillos que deixou orfos, Manuel Galbán Sobradelo, que naceu dous meses despois da morte do seu proxenitor.

O pequeno dos Galbán, que agora carrexa nada menos que 82 primaveras ás súas costas, quedou marcado pola morte do seu pai. Asegura que aínda hoxe afloran as bágoas nos seus ollos cando pensa nunha traxedia que non chegou a vivir, pero que marcou para sempre o seu futuro. Non evitou aquel negro suceso que este rianxeiro seguira os pasos do seu proxenitor. Con 21 anos, despois de pasar por un colexio de Panxón no que estivo interno e pola Mariña, converteuse en mariñeiro: «Ía pescar cun irmán nun barco que se chamaba Ría de Vigo. Andabamos ao xeito, á rapeta... un pouco de todo».

Salto a Europa

Aínda que a sombra do que lle acontecera ao seu pai o acompañaba cada día, Manuel Galbán asegura que non tivo medo: «Era o que había aquí, polo que xa non se analizaba a posibilidade de facer outra cousa. Eu percorrín boa parte do mundo, pero medo non tiven en ningún lugar. Andando coas da lei non hai motivo para temer nada». Lonxe de conformarse con formar parte da flota de Rianxo, un dos pobos mariñeiros por excelencia da ría de Arousa, quixo probar fortuna no estranxeiro. Unha empresa de Holanda dedicada ao transporte de pasaxeiros foi o seu primeiro destino, aínda que onde medrou como mariñeiro e viviu as experiencias que forxan o seu pasado foi nuns cargueiros alemáns.

Transportando mercadorías de todo tipo, o rianxeiro coñeceu un feixe de lugares: «Cando chegabamos a porto e se podía, en vez de ir tomar o chiquito, ía coñecer o pobo». Foron esas ansias por descubrir o mundo as que levaron a este rianxeiro a pisar chan nipón: «Xa levaba nove meses en Alemaña e tocábame vir para a casa, pero chegou unha orde de que había que cargar para Xapón e quixen ir porque nunca estivera alí e considerei que era unha gran oportunidade». É unha das travesías que mellores lembranzas lle traen á cabeza, aínda que non lle saíra moi rendible: «Estivemos en Tokio e alí todo era moi caro, tanto que gastei o salario do mes, pero pagou a pena».

Tamén lembra con agarimo a fermosura das paisaxes de Canadá ou a singularidade de Noruega: «Cando estiven alí case sempre era de noite. Tiñamos unha hora de luz soamente». Deixándose levar, regresa tamén coa mente ao Golfo Pérsico: «Alí collín algo de medo porque me mandaron para un petroleiro e temía que puidera plantar lume en calquera momento». E, sobre todo, a Moscú, onde asegura que foi vítima da espionaxe: «Daquela, Iberia só voaba desde alí ata España dúas veces por semana, así que me aloxei nun hotel que estaba preto da praza Roxa. Ao segundo día decateime de que me estaba seguindo unha persoa. Os tres días que estiven alí, veu detrás miña». Percorrer o mundo é o recordo máis grato que Manuel Galbán garda. da súa temporada como mariñeiro, unha profesión que volvería a escoller se a vida lle concedera unha segunda oportunidade: «Era triste estar lonxe da casa e ter que deixar á familia, pero foi unha etapa moi feliz polos lugares percorridos».

A gran homenaxe

O rianxeiro viaxou sempre cunha carga extra na maleta, o pesar que lle quedou por non ter coñecido ao seu pai. Por iso, despois de xubilarse, buscou a maneira de liberarse e atopouna un día de novembro do 2006, vendo na televisión unha homenaxe que lle estaban tributando en Moaña ás vítimas dun naufraxio. Na xornada seguinte plantouse na casa consistorial e falou co que entón era alcalde, o socialista Pedro Piñeiro Hermida: «El díxome, Manolo iso está feito».

E así foi, o 1 de maio do ano seguinte desembarcaba en Rianxo unha comitiva de autoridades liderada por Emilio Pérez Touriño, en calidade de presidente da Xunta, para renderlle homenaxe aos mariñeiros do municipio falecidos e inaugurar un monólito na súa honra: «Puxemos carteis nos bares e fomos por tódalas parroquias para facer reconto dos mortos no mar». Deron cunha lista na que figuran 48 nomes, entre os que están, ademais do pai de Manuel Galbán, un primo e un afillado.

Quizais por iso, este rianxeiro é especialmente sensible con todo o que teña que ver co mundo do mar e dos afogados. El xa o recoñece: «Cáenme as bágoas cando vexo á Virxe do Carme, sobre todo en procesións como as de Celeiro, Burela, Muxía, Caión, Cedeira... Teño que dicir que aquí en Rianxo semella que hai cada vez menos sentimentos». El acode cada semana ao monumento que conseguiu erguer no paseo da Ribeira e alí reza ansiando que a tradición que impulsou nunca se perda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Cáenme as bágoas cando vexo a Virxe do Carme»