Rianxo despídese da Moreniña citándoa para o próximo ano

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

A vila pechou os actos festivos cunha xornada na que os máis pequenos puideron gozar de numerosas atraccións e xogos

21 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dunha semana de festa rachada en Rianxo chegou o momento de descansar. Con certa amargura, xa que despedirse da Moreniña nunca é doado, pero tamén coas ganas de darlle un respiro ao corpo, os veciños da vila dixéronlle ata pronto á súa patroa. Foron sete días de troula para pechar o verán, e agora toca volver á rutina. Iso si, coa mente posta xa na Guadalupe do próximo ano.

A pesar do cansazo provocado polo Feirón Mariñeiro, os rianxeiros fixeron onte un esforzo para recuperar folgos e afrontar unha derradeira xornada que, aínda que comezou gris, viviuse na vila de xeito especial ao ser festivo local. Quedou claro que non había escola ao ver a invasión de nenos que gozaron, xa pola mañá, do parque de inchables que estivo instalado na praza Virxe da Guadalupe.

Un futbolín humano, atraccións nas que non parar de brincar, un touro mecánico e ata videoxogos fixeron que os máis pequenos non puideran estar quietos. Pero a diversión non quedou aquí. Antes de que comezara a sesión vermú, a praza Castelao cubriuse de branco grazas á tradicional festa da escuma. Aínda que o día foi fresco, rapaces e maiores non dubidaron en poñer a roupa de baño e coller unha boa molladura.

Unha viaxe en tren

Percorrer Rianxo a pé sempre é unha boa opción. As súas rúas de pedra invitan a perderse por elas, a descubrir cada recuncho e segredo que gardan, pero de vez en cando tamén é agradable coñecer a vila dende outro punto de vista e facelo, ademais, dun xeito máis descansado. O tren turístico non faltou á cita e volveu demostrar que gusta aos veciños. Cheo ata a bandeira non parou de facer viaxes, mentres outros agardaban a súa oportunidade facendo cola e con moita paciencia.

Por suposto non faltou a música. A Banda Municipal de Noia foi a encargada de acompañar as dianas e alboradas a primeira hora e de ofrecer un concerto na praza da Igrexa cando o reloxo marcaba as 13.00 horas. Xa pola tarde, á vez que o parque de inchables seguía recibindo nenos sen parar e máis dun estaba na casa preparándose para o que ía chegar pola noite, as actividades continuaron coa música como protagonista.

O paso das horas significaba irremediablemente que se aproximaba sen remedio o fin da festa. A ninguén lle gustan as despedidas e, por iso, sabíase de antemán que esta acabaría alargándose ata ben entrada a madrugada. Nunca é fácil separarse un ano enteiro da Moreniña.