Rianxo viaxou atrás no tempo sen perder o seu espírito festivo

M. Gómez / F. BREA RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

O Feirón Mariñeiro logrou un ano máis que os veciños saíran a tomar as rúas da vila

04 sep 2019 . Actualizado a las 13:05 h.

O día de onte tocou madrugar en Rianxo. Celebrouse o Feirón Mariñeiro, unha das citas máis agardadas das festas da Guadalupe, e os veciños tiñan que preparar os seus uniformes para tomar as rúas. Foi día de pasar o ferro aos pantalóns azuis e ás camisas brancas, porque a vila rianxeira retrocedeu cen anos no tempo para vivir unha xornada festiva moi especial.

A néboa fixo que a xente tardara máis do habitual en saír das súas casas, pero cando se disipou a vila foi un fervedoiro. O ambiente, coma sempre, foi espectacular. Dos balcóns das vivendas de Rianxo colgaban redes mariñeiras e bandeiras, mentres sobre a pedra das rúas os asistentes ao Feirón perdíanse entre os numerosos postos de artesanía e comida que estaban instalados.

Tampouco faltou a música, que puido escoitarse en cada esquina. Especialmente animada foi a actuación de Cé Orquestra Pantasma na praza da Igrexa. A pesar de estar dirixida aos máis pequenos, finalmente foron os adultos os que máis moveron o esqueleto, deixando saír aos nenos que levan dentro.

Marea branquiazul

Cara ás tres da tarde a marea branquiazul xa inundara por completo Rianxo. Os veciños acudían aos numerosos postos de comida e buscaban un lugar cómodo para xantar e prepararse para o resto da xornada, porque aínda quedaban moitas horas de baile e troula por diante.

Mentres tanto, os artesáns seguían a traballar diferentes materiais. Entre eles, non faltou un ano máis o veciño de Taragoña Che Tembra, que volveu a dar unha clase maxistral de como se dá forma ao ferro.

O son das gaitas foi continuo durante o Feirón Mariñeiro, unha festa que os propios rianxeiros recoñecen que «hai que vivila».

«A rianxeira» e as bengalas iluminarán a praza de Castelao

A Banda de Música de Noia, ás 10.00, abrirá o último día de festa. Unha hora despois, os máis pequenos da vila poderán gozar de xogos e inchables na praza Virxe da Guadalupe. Xa ás 13.00 comezará a festa da escuma na praza Castelao, para logo deixar paso ao grupo Metrópolis que animará a sesión vermú. A banda de música rianxeira quentará o ambiente ás 18.00 cun concerto na praza da Igrexa, e ás 19.00 haberá música e baile tradicional nos xardíns da Ribeira. Ás dez da noite actuarán varios grupos locais no quinto Rianxo on Fire, mentres que a partir das once os máis pequenos bailarán na verbena infantil. Finalmente, ás 2.00 horas, «A rianxeira» soará a capela mentres as bengalas iluminan a praza de Castelao nunha das estampas máis agardadas da Guadalupe. Despois, continuará a verbena.