Un xantar para festexar que cada ano que pasa hai que vivilo

Francisco Brea
FRAN BREA RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

A comida dos maiores de Rianxo logrou xuntar a máis de 150 veciños que xa superan o medio século de vida

19 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns pensan que a partir de certa idade, cumprir anos xa non é motivo de celebración. Outros, sen embargo, teñen outra mentalidade e festexan cada nova primavera que pasa. Está claro que de este pensamento son os máis de 150 rianxeiros que acudiron onte ao xantar festeiro, que nesta ocasión tivo lugar no pazo de Rianxiño. Todos os comensales superaban o medio século de vida, e houbo algún que se aproximaba á centena. Pero iso non impediu que os asistentes o pasaran como nenos pequenos.

Cando rematou a sesión vermú, a xente comezou a desfilar cara o comedor. A esa hora, sobre as 15.00, os estómagos xa pedían inxerir alimentos e todos sabían que ían a compracelos. Porque ao menú non lle faltou de nada. Como bo xantar galego que foi, non faltaron empanadas de produtos típicos e polbo á feira para abrir o apetito e prepararse para todo o que viña por diante. Aínda quedaban un par de pratos -pescada á romana acompañada de ensalada e tenreira con guarnición- e, por suposto, sobremesa, café e licores.

E pouco tempo tiveron os comensais para repousar e facer a dixestión, xa que pasadas as 17.00 horas comezou o baile da man do Trío Blanca Doble, que se prolongou ata ben entrada a tarde.

Recoñecementos e agasallos

Non faltaron os agasallos para os asistentes. Nesta ocasión, levaron un curioso lote de chouriciños feitos por unha empresa da comarca. Este produto ten de especial que está elaborado con diferentes elementos como castañas, queixos, ortigas e, entre outros, grelos.

Onde non houbo sorpresas foi na entrega do recoñecemento á muller de idade máis avanzada que acudiu ao xantar. Un ano máis, Celia Gestoso, veciña de Burés, recolleu a figura feita polo artesá Che Tembra. A piques de cumprir 99 anos -o fará no vindeiro mes de outubro-, non quixo faltar a unha cita que ten marcada en vermello no almanaque. Gestoso agradeceu o cariño dos presentes e mandoulles «bicos a todos». Este ano dixo encontrarse un pouco cansada e por iso non bailou, pero a rianxeira válese por si mesma.

Ao seu lado, o home máis maior da comida aínda parece novo, xa que son 14 anos os que os separan. Con 85 primaveras ao seu lombo, Guillermo Castro tamén tivo o seu recoñecemento. Este galego que vive en Arxentina veu coa súa muller a pasar uns días na vila rianxeira, xa que é natural de Taragoña: «Estou emocionado. Xa vin máis anos ao xantar e non o esperaba», afirmou Castro minutos antes de saír á pista para bailar.

A vila engalánase para festexar o Feirón Mariñeiro 

Hoxe en Rianxo celébrase unha das citas máis agardadas: o Feirón Mariñeiro. A vila volverá ao pasado e engalanará as súas rúas para recrear a vida a comezos do século XX. Como é habitual , haberá postos onde mercar artesanía e comida e obradoiros e mostras de oficios tradicionais. Ás 13.00 horas comezará a primeira sesión vermú na praza da Igrexa da man de Cé Orquestra Pantasma. O relevo darallo Costa Dorada unha hora despois xa na praza de Castelao. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, actuará o grupo boirense de música tradicional Xilbarbeira nos xardíns do paseo da Ribeira. No mesmo lugar, xa as 20.00, terá lugar a xuntanza folk Rianxeira Popular, e ás 21.30 actuarán, na praza da Igrexa, Lumieira, Os Melidaos e Tiruleque. A verbena estará amenizada polas orquestras Costa Dorada e Panamá.