Rianxo e Padrón volveron a darse a man da irmandade

Francisco Brea
FRAN BREA RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

Os xigantes de Castelao e Rosalía de Castro saíron por segundo ano ás rúas acompañando á comitiva oficial

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que Dodro os separe, Rianxo e Padrón son dous veciños que teñen unha moi boa relación. Esa amizade entre pobos ponse de manifesto cada ano nas festas da Guadalupe e, por suposto, nesta edición tampouco faltou o tradicional día dedicado ao concello padronés. Da terra de Rosalía de Castro chegou unha comitiva presidida polo seu alcalde, Antonio Fernández, que foi recibida por membros da corporación rianxeira co rexedor Adolfo Muíños á cabeza. O encontro, por motivos de axenda, tivo que atrasarse unha hora respecto ao previsto.

Por segundo ano, fixeron acto de presenza os xigantes de Rosalía de Castro e Castelao, as figuras adquiridas polo Concello rianxeiro ao artista Gonzalo Sarasquete. Todos xuntos percorreron as rúas da vila ata chegar ao paseo da Ribeira para visitar as estatuas na memoria dos dous insignes escritores. Non faltou a tradicional ofrenda floral e a música, da man das bandas de ambos municipios.

A agrupación de Padrón foi a encargada de dar un concerto no Campo de Arriba tralo remate da ruta. Xa na casa consistorial, ambas corporacións municipais compartiron uns minutos. Os rexedores resaltaron os vínculos especiais que unen aos dous municipios. «Os lazos con Padrón son moi estreitos, tanto polas xentes que traballan e pasean entre os dous concellos como tamén polo vínculo entre Rosalía e Castelao», apuntou Adolfo Muíños.

Pola súa banda, Antonio Fernández agradeceu o convite e destacou que «estamos aquí para darlle continuidade a unha tradición, e quero aproveitar para comentar que non só Rianxo e Padrón, senón Galicia enteira, temos por diante un reto común como é o Xacobeo 2021». Tamén houbo un minuto de silencio en recordo das vítimas do terrible suceso ocorrido o luns en Valga.

Para rematar, a comitiva -na que tamén estiveron personalidades coma o patrón maior de Rianxo ou representantes do xulgado de paz, da Garda Civil e da Policía Local- gozaron duns momentos distendidos e festivos cun aperitivo.

Moita cultura urbana

O día de onte deu para moito no municipio rianxeiro. Ás 12.00 horas comezou na praza Virxe da Guadalupe un certame de debuxo na rúa. Á mesma hora tamén empezou unha das citas máis espectaculares da xornada, unha mostra con actividades propias da cultura urbana.

Instalouse un parque de parkour e tamén se impartiron obradoiros da modalidade, ao igual que de slackline. Ademais, houbo exhibicións de modalidades como BMX e fútbol freestyle.