Ribeira / La VOz

Se os rianxeiros teñen fama de festeiros será por algo, e abofé que as celebracións da Guadalupe teñen moito que ver niso. Son sete días e oito noites de actividades nos que aos veciños non lles chega a terra que tamén teñen que levar a festa ao mar. Ocorreu onte, nunha procesión marítima na que boa parte da flota de Rianxo se botou á ría para honrar á súa virxe Moreniña.

Será que a propia Guadalupe é tamén festeira, e antes de iniciar o percorrido polo paseo da Ribeira cara o peirao, as dúas imaxes coas que contan en Rianxo da súa patroa oficiosa -co permiso de Santa Columba- bailaron A Rianxeira ás portas da capela subidas aos ombreiros dos mariñeiros encargados de levalas ata o porto.

Centos de veciños e visitantes seguiron o desfile das santas ata o Vicente Mosquera, o barco elixido para levar á Moreniña polas augas da ría. Non era a primeira vez, e dicía o armador, Ramón Vicente, que posiblemente non será a última se llo pide a comisión. A bordo de máis de vinte bateeiros, e un bo número de pequenas lanchas e ata motos acuáticas, agardaban xa a saída da procesión ducias de persoas. O toque da serea da lonxa anunciou que a virxe estaba xa embarcada e comezou o colorido desfile polas augas de Arousa con Tanxil como próxima parada.

Cantos e vivas

Tralo paso polo Bodión, onde os veciños de Abanqueiro cumpriron coa tradición de lanzar foguetes na honra da virxe rianxeira, a flota dirixiuse á enseada de Quenxo e Tanxil, presidida por outra imaxe da Guadalupe ante a que se detivo a procesión mentres volvían soar os acordes da Rianxeira.

En todos os barcos comezou a cantarse o himno oficioso de Galicia, soaron as bucinas e os vivas á Moreniña puxeron o broche a un dos momentos con máis simbolismo dos que se viviron na mañá de onte.

A volta a porto foi máis breve, pero igualmente animada en cada unha das embarcacións que completaron o percorrido, especialmente nas que levaban a bordo á banda municipal de Silleda e aos gaiteiros de Buxaina, que se encargaron de poñer música á travesía. Do baile, xa se ocuparon os membros máis festeiros da tripulación.

Ao ser o día grande, na maioría das casas de Rianxo tocaba comida familiar, pero sen tempo para unha sobremesa demasiado longa xa que á media tarde comezou no paseo da Ribeira o xa tradicional baile romaría, unha cita que atraeu a numeroso público con ganas de bailar e de seguir coa festa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Rianxo levou a festa ao mar para honrar á súa virxe Moreniña