O arranque das celebracións da Guadalupe vestiuse de vermello Unión

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

DANI GESTOSO

A indumentaria dos 80 comeza a imporse como uniforme para a noite do chupitaso, que os rianxeiros agardaban impacientes

15 sep 2019 . Actualizado a las 23:23 h.

Dende a noite do venres ata o sábado da vindeira semana a vida en Rianxo estará paralizada. En portas e escaparates de tendas e negocios colgan carteis que advirten do peche por vacacións, porque os rianxeiros están xa entregados en corpo e alma ás súas festas máis grandes, as da Guadalupe, unhas celebracións que este ano arrincaron vestidas dos anos 80 e de cor vermella Unión.

Porque catro xeracións do club rianxeiro foron as encargadas de dar o pregón co que se iniciaron oficialmente os festexos, e o encarnado da súa indumentaria foi a tonalidade que se impuxo na praza Castelao. O seu presidente, Nito Varela, introduciu un discurso no que por riba das palabras de recordo aos fundadores da entidade hai 50 anos, aos futbolistas que saíron da canteira ou ao amplo palmarés atesourado durante estas cinco décadas, quedou clara unha cousa: que o Unión é máis que un club.

«Os fundadores non escolleron o nome de forma gratuíta, o obxectivo era consolidar unha asociación que unise a futbolistas de todo o concello» subliñou; un espírito, engadiu, que «hoxe mantemos como marca da casa e co que logramos ser, ademais dun equipo, unha familia». Contou tamén o segredo para conseguilo: «Non se pode entender a historia do Unión sen as chapradas».

Resumiuno á perfección Fran Couselo despois de recoñecerse un dos rianxeiro de adopción «que probaron esta droga vermella e xa non puideron deixala». Estivo dez tempadas no Unión e falaba desas chapradas con coñecemento: «Todos os venres había cea, e multa para o que faltara».

Tamén Laura, a capitana do conxunto feminino, que lle lembrou ao presidente que lles debe unha churrascada polas súas vitorias. Revelou que foi precisamente un luns da Guadalupe de hai cinco anos cando se xestou o nacemento do equipo e recordou ás pioneiras que nos anos 70 xa vestiran a camiseta do Unión: «Sempre é bo momento para reivindicar o papel das mulleres».

Os veteranos

O repaso dos 50 anos de historia da entidade rianxeira tamén contou con dous veteranos. Luis Grela, que formara parte de aquel primeiro equipo na tempada 69/70, puxo en valor o traballo e sacrificio dos fundadores para sacar adiante o club; mentres que José Manuel, xogador, adestrador, directivo e presidente do Unión durante toda unha vida de entrega ao club dos seus amores, mirou ao pasado, pero tamén ao futuro: «A canteira foi sempre o noso emblema. Ala Unión!».

Aínda que o pregón foi onte, as festas da Guadalupe xa estaban en marcha despois dunha noite, a do venres, na que a indumentaria dos anos 80 xa comeza a impoñerse como uniforme oficial para o chupitaso. O feito de que o mesmo ritual se repita cada ano non resta emoción a un momento que os rianxeiros agardan durante 12 meses. Unha ducha de bebidas de todos os sabores que regaron as lousas da praza deu renda solta ao ambiente de alegría que se prolongará ata o sábado.

O programa de hoxe: As actividades xiran arredor da procesión marítima

Hoxe a Virxe da Guadalupe vive o seu día grande e percorrerá a ría arroupada pola flota de embarcacións rianxeira. A procesión marítima, xunto coa misa solemne prevista para as 12.00, é o centro dunha xornada que comezará ben cedo, ás 9.30 horas, coas dianas e alboradas da Banda de Música Municipal de Silleda e con Buxaina de Taragoña. O programa da mañá xirará arredor dos actos relixiosos, pero pola tarde hai varias citas previstas. Na praza Rafael Dieste haberá concerto da banda ás 18.00, mentres que nos xardíns da Ribeira a orquestra Tokio será a encargada de pór música ao baile romaría previsto para as 19.00. Vai de Roda actuará ás 20.00 e pola noite haberá verbena con Dilema e Furia Joven e espectáculo de fogos de artificio.