Rianxo empápase de festa co chupitaso da Guadalupe

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA

RIANXO

MARCOS CREO

Duarte Galbán fixo de mestre de cerimonias no arranque das celebracións

14 sep 2019 . Actualizado a las 21:27 h.

Rianxo está en festas. A pasada medianoite comezaban oficialmente as celebracións da Guadalupe co chupitaso de rigor e a vila enteira empapábase do ambiente de alegría e diversión que se prolongará ata o vindeiro sábado pola mañá.

O feito de que o mesmo ritual se repita ano tras ano non resta nin un chisco de emoción a un momento que os rianxeiros agardan durante todo un ano. Moito antes da hora prevista, os veciños xa tomaban posicións na praza Castelao. En primeira fila, a pé das portas da casa consistorial, estaba unha nutrida representación das juadalupeñas que, en canto soou o estoupido do petardo que anuncia o comerzo da Guadalupe, deu renda solta ao desfreo e a unha auténtica ducha de bebidas de todos os sabores que regaron as lousas da praza e a todo aquel que andivera polas inmediacións.

Hai xa uns anos que o pregón das celebracións se trasladou ao sábado, pero sempre se conta con alguén que, a modo de mestre de cerimonias, introduza o chupitaso na noite do venres. Desta volta, o encargado desta tarefa foi o televisivo rianxeiro Duarte Galbán. Fíxoo, iso si, un pouco atropeladamente, porque a xente estaba impaciente por comezar coa festa. Recoñecía certo nerviosismo porque xogaba na casa, pero saíu airoso tirando de humor e retranca. Lembrouse, por exemplo, do xefe da Policía Local, que se xubilará ao rematar a Gualupe: «Este ano Maneiro dános a Guadalupe libre, podemos facer o que queiramos». Aludiu tamén ao «sentidiño» que sempre se pide nestas datas, sobre todo á hora de coller o coche, e abogou pola diversión, pero con xeito.

Dito isto, e depois de que a comisión das juadalupeñas pasara lista para asegurarse de que non faltaba ninguén no campo da festa, comezou unha acelerada conta atrás que deu por inaugurada A Guadalupe 2019. E que viva a Moreniña!