Xabier González: «O noso principal obxectivo é sacar os incendios dos núcleos habitados»

Estreouse no cargo facendo fronte aos lumes da primavera e traballa xa en novos proxectos en materia de seguridade


Ribeira / la voz

Dende o pasado maio, Xabier González Torre está a cargo do distrito forestal IV, que comprende un total de 13 concellos e unhas cen mil hectáreas de monte. Estreouse no posto nun escenario complicado, co gran incendio de Dodro e Rianxo moi recente e os lumes que seguiron a este nun duro fin da primavera, mais o profesional contou coa ampla experiencia que lle brindan os 15 anos que leva vinculado a este distrito. Neste senso, González Torre aposta por manter as liñas de traballo iniciadas, así como por poñer o foco en novos proxectos dirixidos á mellora da seguridade.

-Manterase unha continuidade respecto ao anterior traballo?

-Si, continuamos co que se viña facendo estes anos tanto en xestión forestal como en materia de prevención de incendios, pero hai que reforzar temas novos que están xurdindo. Nestes momentos, o que estamos traballando con certa urxencia é a renovación do plan do distrito, xa que o último data do 2007. Cómpre actualizalo tendo en conta a nova lexislación, as novas instancias e as novas infraestruturas. Por outro lado, están os plans de defensa municipais que ou ben se están elaborando ou ben están funcionando e que tamén implicarán cambios importantes.

-Todo isto forma parte dalgún proxecto maior?

-Por suposto, o noso principal obxectivo é sacar os incendios dos núcleos habitados. A aposta, tanto da Consellería de Medio Rural como en parte nosa, pasa porque teñamos as zonas con presenza humana libres de biomasa, xa sexan urbanas, rurais ou mesmo autoestradas e vías principais. Trátase de non meterse en situacións operativas duras, como foi o caso de Rianxo.

-Entón, as franxas de protección xogan un papel esencial.

-Historicamente, a Lei de Montes xa as recollía e obrigaba a manter as actuais distancias, pero é certo que agora se está recollendo moito máis en serio dentro dos convenios acordados coa empresa pública Seaga. Temos unha liña moi interesante para os propietarios. Cun prezo moi barato, de 35 euros por cada mil metros cadrados, a firma faise cargo da xestión de biomasa durante tres anos. Ás veces isto é complicado para a xente maior, ou atopar a propietarios que residen fóra do municipio.

-Non faltan críticas de quen desbrozou cara os que o non o fixeron e saíron sen multa.

-Nos vindeiros días agardamos unha gran chegada de notificacións por non cumprir coas franxas. Ningunha vai quedar impune, por iso destacamos a importancia de que os concellos con alto risco de incendios entren no convenio con Seaga.

-Cales serán os retos a afrontar?

-A nivel de incendios forestais, o dito, que estean só no monte. Tamén hai que traballar pola ordenación do territorio fraccionando o bosque. Hai que mesturar zonas de frondosas coas de produción, non ter só extensións de monocultivo. Atopámonos con que con moitos montes veciñais temos convenios e podemos traballar, pero coas parcelas de particulares é complicado porque é obrigatorio que a xente se pare e se una para lograr unhas superficies mínimas que dean viabilidade. Neste eido, temos xa unha sociedade de fomento forestal en Outes e xa hai unha segunda en marcha.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xabier González: «O noso principal obxectivo é sacar os incendios dos núcleos habitados»