Un pianista comprometido coa música de raíz

Uxía Pérez / m. a. RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

SANDRA ALONSO

O rianxeiro basea as súas creacións na experimentación e nas harmonías máis tradicionais

11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Abe Rábade comezou aos 4 anos no conservatorio e, dende aquela, nin as desilusións máis duras foron quen de separalo da música. Unha ceda conexión coa imaxinación e a intuición segue a ser hoxe en día unha das súas grandes influencias: «As miñas primeiras profesoras ensináronme o solfexo dunha forma creativa, onde a experimentación e improvisación eran os principais fundamentos da aprendizaxe», sinala.

Ao igual que sucede co jazz, o método que el estaba a estudar non se apegaba ás partituras senón que se baseaba en crear unha produción nova a cada intre. Dende que entrou en contacto con este xénero musical, a súa aperta cos ritmos foi definitiva.

Con 18 anos chega a Estados Unidos, coa finalidade de espremer por completo o coñecemento que lle ofrecía o berce do jazz. As melodías improvisadas que naceran ao carón do río Mississippi, estendéronse ata Boston despois da segunda guerra mundial. A cidade converteuse dende a década dos corenta nunha das máis representativas das harmonías tradicionais afroamericanas.

Diferenzas culturais

A inquietude por esta historia musical foi o que o arrastrou ata alí. Pero máis aló de coñecer a fondo o xénero, topouse cunha heteroxeneidade cultural sen precedentes na súa vida: «O 40% dos meus compañeiros eran de fóra das fronteiras estadounidenses». Polo que, ademais de reforzar a súa paixón, creceron nel uns valores que influirían nas súas creacións por completo: «Foi esta formación tan sólida no mundo do jazz a que me espertou este afán por estar en contacto coa música máis de raíz, como por exemplo a nosa propia».

Abe Rábade renace cando os ritmos da súa terra se comezan a mesturar coas influencias de artistas como Keith Jarrett ou Milles Davis. «Cando alguén interpreta aquilo que fai, decátase de que a súa figura debe ser algo discursivo, pois a túa lóxica, as túas emocións e a túa ética rematan formando en ti algo tan forte, que ata pode ser ideolóxico», este é o argumento que el utiliza para autodefinirse.

En 2001 fixo o seu debut discográfico Babel de sons co seu trío homónimo Abe Rábade, álbum que o mesmo pianista declara como «o xerme de todo o que despois foi ocorrendo na miña música». A historia sobre a Torre de Babel, narra un castigo de Deus, que xustifica a existencia de todas as linguas do mundo. Para el, isto máis que penitencia é unha bendición, unha sorte que dota dunha riqueza cultural enorme aos pobos da terra.

A identidade musical do jazz é tan complexa que mesmo expertos na materia negan que se poidan delimitar as súas características. El define o jazz como unha corrente cun espírito aberto que no seu caso «canto máis viaxo e máis entro en contacto con outros ritmos, máis aumentan as miñas inspiracións e máis crecen as calidades dos meus sons».

Sons alleos

Marrocos, Estados Unidos ou Cuba son algúns dos sitios nos que tocou. En setembro do ano pasado actuou en Nova York, no Carnegie Hall, unha das salas de música máis ilustres do mundo. Estas experiencias, ademais de aumentar a súa reputación, facilitan que a súa música entre en contacto e se inflúa de todo tipo de harmonías tradicionais.

O seu afán pola experimentación e polos ritmos máis tribais levoulle a musicar Seis poemas gallegos de Lorca. Penetrar nos escritos do autor e presentar Lorca namorado, mesturando a cultura galega, o flamenco e o jazz: «Foi o proxecto que máis vivo me fixo sentirme», confesa.

A música non é a única expresión artística da súa vida: «Fascínanme o arte, en todas as súas manifestacións: escrita, fotografía, vídeo. De feito intento mesturalo todo nos meus ritmos».

Próximas citas

As súas próximas citas son en Cambados, Cangas e Monterrey, California. En vista destas actuacións, fai unha retrospectiva ao seu pasado afirmando que «aínda que o público sexa sempre heteroxéneo, o meu jazz conta cunhas raíces moi marcadas, e é por iso que en ocasións, estas influenzas non son tan atractivas para a xente estranxeira».

Hai experiencias que aínda que sexan pasaxeiras, marcan o transcorrer dunha vida, ou neste caso, da música. E é isto o que Abe Rábade remarca tanto na influencia do seu arte.