«A unidade era o mellor que tiñamos no mar»

Xubilouse despois de 40 anos como mariñeiro e logo de ter sobrevivido a un naufraxio en Mauritania

m. x. b.
ribeira / la voz

Os ollos de Manolo González Sieira contemplaron moitas mareas en augas africanas, mediterráneas e atlánticas, dende Portosín ata Boston. Destas augas, o patrón só garda bos recordos: «Cando había mal tempo ou non tiñamos faena, mariñeiros, patróns e demais xuntabámonos e íamos tomar un viño. Había moita unidade e sempre que alguén necesitaba axuda, botábaselle un chicote. A unidade era o mellor que tiñamos no mar».

Unha vida no mar que comezou en 1975, no Ministerio Laboral, cando Sieira con 15 anos decidiu sacar o título de patrón de barco, aínda que antes xa tivera algunha experiencia collendo marisco co seu pai, tamén mariñeiro. «Na miña familia hai que distinguir mariñeiros de navegantes», di este lobo de mar, «houbo moitos navegantes e nalgún momento puntual de fame si que ían á baixura, pero non eran mariñeiros como quen di. Meu pai foi mariñeiro e patrón durante moitos anos e logo estivo de comprador de peixe en terra ata que se xubilou».

Un ano despois de sacar o título, o mariño embarcou no Guanalí, un barco con destino a Las Palmas de Gran Canaria, para unha campaña de oito meses. «Viñamos a terra cada mes a por combustible e provisións, e cada dous meses a descargar». Xa no 78, Sieira experimentou unha campaña en Boston nun arrastreiro de lura. Ao volver foi cando comezou o seu labor como patrón, xa en augas da comarca de Barbanza: «Meu pai mercou un barco aquí en Portosín e comecei a facer de costa, de piqueiro como lle dicimos aquí, como segundo patrón. A ese barco chamámolo O Portosín. Logo, en novembro do 81, collemos outro e ía eu de primeiro patrón nel mentres meu pai seguía no que xa tiñamos. Chamabámoslle O Rianxo».

O Rianxo

Sieira lembra todas as aventuras vividas no barco que o estreou como patrón, demasiadas como para contalas, pero hai unha que sempre triunfa. Despois de moitas mareas, no ano 92 uníronse varias embarcacións entre as que se atopaban O Rianxo, O Portosín e O Titán. Penetraron no País Vasco na busca de bocareu, aínda que non sabían moito do tema. No caso de Manolo González Sieira era a primeira vez. A pesar diso, converteuse case nunha tradición anual: «Os barcos que había por aí vían moito os nosos sistemas. A maior parte da tecnoloxía que teñen agora cántabros e vascos copiárona da flota galega. Por exemplo, eles traían sempre o peixe a granel na cuberta. O noso peixe tiña máis calidade porque levabámolo en caixas con xeo para conservalo mellor».

Non obstante, O Rianxo veu o seu final nas augas de Mauritania no 2002: «Fomos un rapaz mais eu a probar. O problema é que nesas zonas hai moitos barcos afundidos e con preamar non se ven. Tocamos con un e acabamos dez de Mauritania e nós os dous tres horas naufragando cara mar aberto. Tivemos a sorte de poder coller a radio e avisar a un compañeiro que nos recolleu e por iso non tivemos que lamentar mortes nin feridos».

A vida de xubilado

Despois de 40 anos de vida no mar e logo dunha lesión no xeonllo pola que tivo que coller unha baixa, Manolo González Sieira viuse obrigado a xubilarse no 2015. «A única relación co mar que teño agora é, cando vou de vacacións a algún pobo costeiro de España, porque sempre me gusta ir a ver os portos e falar coa xente que está alí. Se me levan a pescar algún día tamén vou, pero non é habitual. Eu xubileime e xubileime de verdade», di este mariñeiro que xa está acostumado ao seu novo estilo de vida. Sobre ese día a día no que está mergullado, engade: «Cando es pequeno queres ser grande e cando es grande non queda outra que afacerse ao que hai. Eu entre a familia e os amigos pásoo ben. Ás veces incluso vou cunha amiga á lonxa a ver o peixe que se vende e a falar coa xente que está por alí, que máis da metade son mariñeiros coma min».

Aínda que non bota de menos a súa vida no mar, González Sieira ten claro que «repetiría oficio de mariñeiro sen ningunha dúbida» e lembra con moito agarimo á súa xente: «A vida no mar é dura porque non temos horario, pero cada vez que iamos a porto eu falaba con moita xente e non tiven problema con ninguén. Entre os barcos tiñamos o que se chama a clave. Eramos un grupo de varias embarcacións e comunicábamos entre nós para saber como estaba o peixe por cada zona intentando que non se deran de conta as demais claves. Ademais, os da miña xeración fomos os primeiros en poñer horarios e topes de capturas nos anos 80, porque non había consellería ningunha».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A unidade era o mellor que tiñamos no mar»