O alicerce da cultura local

RIANXO

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Vivimos nun país que dispón dunha ampla e aceptable rede de equipamentos culturais por todo o territorio, no que desde a Idade Media as nosas vilas son valiosos focos de actividade cultural e económica. E, ademais, é un país amante da cultura ou das culturas, aínda que moitos non o crean. Percorro de arriba a abaixo Galicia enteira dando charlas, reuníndome con clubs de lectura, participando en actividades de divulgación do noso patrimonio cultural. Case sempre pasmo co éxito de público.

Non vou ser cego ás estatísticas. Queda moitísimo por facer. Pero Galicia, as vilas, as comarcas, o rural e a costa son veigas vizosas para a literatura, a historia, as artes, a ciencia, o patrimonio cultural, o teatro, a música. E sabemos a fórmula do éxito: a regularidade na programación, a aposta por equipos estables, por profesionais da xestión cultural imbricados na Administración local e coñecedores milimétricos do tecido social próximo.

O desafío é deseñar proxectos con base local, que respondan ás necesidades e intereses dos cidadáns. Aí está a mostra de Narón, Cangas, Ribadavia, Rianxo, Boiro, Carballo, concellos gobernados por partidos distintos.

Esta semana púideno comprobar cando o Consello da Cultura Galega inaugurou co Concello de Rianxo a exposición sobre a «Alba de Gloria» de Castelao. Aí estaba o agarimo, o interese, a curiosidade, o saber máis, que fai que todo o traballo pague a pena.

As estratexias para revitalizar a Galicia non urbana deberan ter na cultura un dos grandes alicerces.