Teresa Moure: «A vertente reintegracionista é unha garantía para a continuidade da fala»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

cedida

Dirixe un curso que analizará en Rianxo as vantaxes da internacionalización do galego

12 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora e profesora da USC Teresa Moure é a impulsora e directora do curso de verán que a finais deste mes terá lugar en Rianxo. Titúlase Galego, porta aberta para o mundo, e busca dar a coñecer as vantaxes que tería para os galegos empregar a mesma norma na escrita ca o resto de países lusófonos. As sesións terán lugar do 25 ao 28, pero o prazo de inscrición xa entrou na súa recta final. Pecharase este venres.

-Cal é o obxectivo principal deste seminario?

-Este curso ten un antecedente, que é o seminario que o ano pasado se desenvolveu na Facultade de Filoloxía. Daquela falamos das vantaxes do galego internacional, da variante reintegracionista, para aproximarnos ao resto de países lusófonos. Beneficios tanto a nivel económico como de identidade, e incluso de defensa dunha lingua que está ameazada. Sentamos a empresarios, medios de comunicación e deputados, e todos coincidiron en que era unha visión moi interesante, por iso decidimos darlle continuidade á experiencia. Para esta segunda parte apostamos por Rianxo por ser unha vila que conserva gran cantidade de galegofalantes.

-Cales son os puntos fortes desas catro xornadas de curso?

-Polas mañás vanse desenvolver conferencias de temas variados, desde a eutanasia ata as novas masculinidades dentro do feminismo. Polas tardes haberá obradoiros de lingua impartidos desde dúas perspectivas: como reaccionan os portugueses cando nos escoitan e á inversa. Despois, sempre ás seis, terán lugar actividades máis artísticas, como un obradoiro de danza galego-portuguesa, un taller de teatro posdramático, unha visita á editorial Axóuxere ou un concerto.

-Desde o punto de vista cultural, cales cre que son as vantaxes de empregar a variante reintegracionista?

-As que afectan á produción e á difusión. Cando escribimos un libro en galego, por exemplo, pensamos que terá unha difusión moito máis restrinxida que se estivese en castelán, pero non pensamos que se estivera na variante reintegracionista podería ser lido en Portugal, Mozambique, Angola... Internacionalizarse é sempre unha vantaxe.

-Como xorde o movemento reintegracionista?

-O reintegracionismo é un movemento que existe desde principios do século XX e ten que ver coa unidade histórica do galego e do portugués, que na Idade Media eran a mesma lingua. O obxectivo é preservar esa unidade. A vertente reintegracionista é unha garantía para a continuidade da fala.

-A adaptación non supoñería un grande esforzo...

-Gastamos tempo, diñeiro e esforzo adquirindo linguas estranxeiras como o inglés e, neste caso, o único que cambiaría sería a escrita, xa que a parte oral mantense invariable. Trataríase ademais de recuperar formas que empregaban os nosos avós. Hai unha lei, a Paz Andrade, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego para introducir o portugués no ensino; se esta normativa se cumprise, a adaptación resultaría máis doada.

-Por que está tan convencida de que garantiría a supervivencia do galego?

-Hai unha cuestión de identidade moi forte. Se queremos que o galego permaneza necesitamos autoestima. Sempre se di que é un idioma que non serve para nada saíndo de Pedrafita, pero igual se saímos cara a outro lado, cara a Portugal, si que serve.

-Buscaba sumar adeptos á súa causa cando ideou este curso?

-Cría que era interesante para o meu alumnado ter a posibilidade de debater e ter información, pero logo vin que había que abrir o foro a toda a sociedade. No seminario de Rianxo, por exemplo, xa hai un feixe de barbanceses inscritos. É un curso apoiado ademais por diferentes organismos.

-Terá continuidade?

-Despois do interese que espertou o primeiro seminario pensamos en fundar algo así como unha escola permanente, tratando o tema desde diferentes perspectivas cada ano. A idea é difundir a opción do reintegracionismo no sentido práctico de manter a lingua viva.