Diego Ferreira: «O pulo ao autocrós é grazas ao público, o noso esforzo é por este»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

O responsable da escudaría rianxeira abordou as novidades da parada do campionato galego na bisbarra

07 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Ferreira leva máis de 15 anos deixándose a pel pola escudaría Rallyactividad. Precisamente, o presidente da entidade automobilística con base en Taragoña abordou unha das grandes citas anuais que organizan, pois a vixésimo segunda edición do Campionato Galego de Autocrós parará na bisbarra, mañá, a partir das 12.00 horas.

-Van 22 anos de autocrós. Que supón o campionato para Rianxo?

-O automobilismo é o gran esquecido. Na comarca, a excepción do Rali de Noia e as dúas probas que organizamos nós -o autocrós e eslalon- non hai moito máis. Posiblemente non se lle dea a relevancia que debería ter, segundo o número de xente de toda Galicia que atrae cada ano, sobre todo da Coruña e Pontevedra. Facendo balance, tivemos altibaixos, pero nos últimos tempos volveu a medrar e permítenos emprender novos proxectos.

-Como se prevé a participación, así como os horarios e apartados?

-Contamos con, aproximadamente, 46 coches inscritos, unha cifra similar ao do ano pasado, pero non hai queixa. Temos que ter en conta que nesta ocasión coincidirá con outras probas automobilísticas e que non abrimos nós o calendario, xa que a primeira parada foi en Carballo. Os adestramentos comezarán ás 12.00 horas e as carreiras a partir das 15.00 ata as 18.00. Haberá tres categorías, coches de máis de 1.600, de menos de 1.600 e, por suposto, o kartcrós. Vai ser todo un espectáculo. Animo a aquel que nunca o vira a pasarse.

-Algunha novidade no trazado e nos pilotos favoritos?

-En canto á pista, estamos probando novos materiais para o firme, na procura de máis agarre. O trazado non se modificou, pero baixamos o peralte dunha curva. O campionato acaba de comezar, está todo moi apertado e pode haber sorpresas. Desgüaces Tino estará arriba e en kartcrós Yakarcross e King Kart tamén.

-Antes falaba de novos proxectos en curso. Podería adiantar algo no que traballan?

-Grazas á gran axuda que nos brinda o Concello de Rianxo cada ano, e á firma Tarrío Suárez, estamos traballando para crear un aparcamento fronte ao circuíto, así como tentar dotalo de aseos e ampliar a zona de boxes. O pulo ao autocrós é grazas ao público, o noso esforzo é por este.