Nito Varela: «Creo que estamos no bo camiño»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Logo dunha vida no club de Asados, aposta por reforzar o primeiro equipo, o feminino e as categorías base

24 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nito Varela (Rianxo, 1966) foino todo nun Unión que este curso cumpre 50 anos. Comezou como xogador, foi adestrador e, dous anos atrás, acabou elixido presidente. O outrora futbolista do Compostela en Segunda División B, e que tamén militou en boa parte dos conxuntos da comarca, recoñece que esta é a función máis sacrificada: «Como técnico, teste que preocupar só do teu vestiario, pero agora tócame facelo de todo».

-Como valora o curso no que cumpren 50 anos?

-Foi unha tempada con distintos sabores, co amargo do descenso do equipo xuvenil. En cambio, o sénior rematou entre os seis primeiros, o que indica que xa está asentado na liga. O feminino chegou á fase de ascenso e pelexa pola Copa do Sar. O cadete mantivo a súa división e cos infantís fomos quen de completar un equipo amplo. Por último, en fútbol 8 cada vez temos máis rapaces. Creo que estamos no bo camiño.

-Agora tócalles celebrar ese medio século.

-É un orgullo para todos os que traballamos na directiva facelo nesta data tan sinalada. Xa tivemos actos, pero temos previstos outros entre xullo e agosto.

-Son un dos equipos máis lonxevos, ben o merecen.

-50 anos son toda unha historia. Hai poucos equipos que poidan presumir deles.

-Que o levou a tomar as rendas do equipo?

-Non nos gustaba a traxectoria que estaba levando o club, entendíamos que non era a idónea para un equipo coma o Deportivo Unión. A canteira estaba perdendo xogadores e decidimos apostar forte. Creo que o fixemos con acerto, aínda que isto require moito tempo e sacrificio.

-O Unión sempre se caracterizou pola paixón dos afeccionados. Sexa na categoría que sexa.

-Así é. Os xogadores séntense arroupados, como se estiveran nunha familia. Aos socios hai que darlles ese recoñecemento de estar sempre co equipo e de ser quen de entender cal é a nosa maneira de traballar. Iso si, sen o apoio do Concello isto sería imposible. A nosa filosofía pasa polo compañeirismo entre todos.

-Cales son os retos do futuro?

-Queremos programar a vindeira tempada, mirar quen marcha e as incorporacións do primeiro equipo, pero sen descoidar as outras categorías. Trataremos de competir tamén en biberóns, creo que é algo importantísimo.

-Pelexarán polo ascenso?

-Vamos a reforzarnos e non descartamos absolutamente nada. Se podemos dar o salto de categoría, perfecto, pero será a liga a que nos coloque no lugar que nos pertence.

-Sen esquecer a filosofía da xente da casa.

-Sempre miramos o que temos na canteira. Eu entendo que os rapaces que pasan de xuvenís a sénior deben ter unha oportunidade no primeiro equipo. Os que queiran farán os adestramentos do inicio da tempada, pero será o adestrador o que decida se reúnen as condicións necesarias. O conxunto actual está formado por un 80 % de rapaces que xogaron nas nosas categorías base.

-En que mudou o club nos últimos 50 anos?

-En moitas cousas, sobre todo nas instalacións, todos sabemos como eran antes os campos, os balóns ou as duchas... Levo vinculado a este club dende os 13 anos e creo que tamén mudou a maneira de levalo, antes facíano dúas ou tres persoas, agora somos entre 12 e 13.

-Quédanlle dous anos máis de presidente, vese máis tempo?

-Primeiro vamos a rematar este ciclo e cando toque xa miraremos a ver que pasa.