As historias rotas que deixou o mar en Rianxo

RIANXO

Familiares de mariñeiros falecidos participaron hoxe nas celebracións do Día do Mar

01 may 2019 . Actualizado a las 17:57 h.

As augas do Báltico, do Atlántico, da Costa da Morte, do triángulo das Bermudas, do Gran Sol, da ría de Arousa... Todas elas gardan unha triste coincidencia: alí faleceu un veciño de Rianxo, mariñeiros que deixaron en terra familias rotas e, en moitas ocasións, fillos que non chegaron a coñecer. A estes 48 rianxeiros que perderon a batalla co mar vai dedicada cada ano a homenaxe que rende o Concello de Rianxo diante da estatua levantada no parque de Galicia, e onde figuran os nomes de todos estes homes que seguen a ser recordados polos seus parentes.

O irmán de María Luisa Laíño tiña tan só 25 anos cando o seu barco afundiu en marzo do ano 1973 en augas do triángulo das Bermudas. A mesma sorte correu o pai de Manuel Galbán, ao que non puido coñecer e que tirouse ao mar para salvar a outro compañeiro e acabaron falecendo ou dous. Tamén quedou orfo moi novo José Ordóñez, que xunto con María Luisa, Manuel e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, foron os encargados de facer a ofrenda deste ano.

Tampouco quixo faltar á cita outra viúva que deixou o mar, Adelaida Caamaño, que todos os anos reza e canta unha canción encomendando á Virxe do Carme que vele por todos os mariñeiros. A súa historia é semellante á de moitas outras veciñas de Rianxo e da comarca. Apenas levaba cinco meses casada, e estaba embarazada, cando o seu home caeu no barco e faleceu chegando ao porto de Almería, deixando o mar unha nova débeda coa vila rianxeira.