Canteira no berce literario galego

RIANXO

Os 22 alumnos dun obradoiro impartido por Antón Riveiro Coello plasman nun libro o froito do aprendido

28 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O misterio de Rianxo ben podería ser o título dunha novela, pero a trama, de estar baseada en feitos reais, nada tería que ver cun crime nin nada que se lle pareza, senón con literatura pura. O misterio de Rianxo volveu saír á luz no acto mensual de Barbantia por iniciativa dunha alumna do obradoiro de creación literaria que no outono do ano pasado se desenvolveu na vila, con Antón Riveiro Coello como mestre, e que tivo como froito un feixe de 22 novos escritores, ou aspirantes a selo, e, o que é máis importante, a publicación dun libro cos seus relatos, grazas ao Concello, á Deputación, á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e á editorial Toxosoutos.

A alumna relacionaba o taller co feito paradigmático de que Rianxo sexa o termo galego con máis escritores por metro cadrado e que, dunha tacada, xurda outra quenda, que está por ver o percorrido que terá, pero que, a dicir do mestre, que, a pesares da súa modestia, é un dos mellores escritores galegos actuais, falamos de Riveiro Coello, teñen o suficiente talento como para escribir unha novela, e ate concorrer a premios literarios.

Dende o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, ata Daniel Asorey, en representación da AELG; pasando por Patricia Torrado, de Toxosoutos, ou incluso o propio Riveiro Coello, houbo coincidencia na singularidade literaria de Rianxo e o esforzo permanente do Concello a prol da cultura, que non vai decaer porque o primeiro edil xa adiantou que vai haber segundo obradoiro, pero que os alumnos do primeiro non poderán repetir, o que significa que no berce literario de Galicia trabállase a canteira e, como ben dixo a mesma alumna que sacou o tema, quen sabe se no futuro non se falará da xeración do 2019, como ocorre con outras ben coñecidas, coma a do 27, aínda que a apreciación foi feita en ton de humor, non de fachenda.

O libro, titulado Liñas compartidas, contén 24 relatos, entre os individuais de cada alumno e os de grupo e, segundo explicou Patricia Torrado, a súa lectura é como degustar unha sobremesa de leite frito «Nace dende a humildade, pouco a pouco, co cariño dos doces tradicionais, e cando o saboreas descobres vinte mil sabores». Tamén expresou a ilusión que ten para Toxosoutos que xurdan novas voces na literatura galega, que defendan a escrita na nosa lingua.

Asorey tamén expresou a súa satisfacción porque agromen novas voces grazas á semente de obradoiros como o que se desenvolveu en Rianxo «nestes días complicados. Grazas a todos por crear sonos para espantar os pesadelos», engadiu o representante da AELG.

O acto contou coa achega musical de Gloria Cespón, que á frauta interpretou tres temas clásicos e pechou co himno galego.