Carlos Ordóñez: «Este deporte cambioume a vida»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

O rianxeiro lidera o campionato luso da categoría expert unha temporada despois do seu debut oficial

23 abr 2019 . Actualizado a las 11:27 h.

Xa competira en trial, pero non acabou de engancharse. Carlos Ordóñez (Rianxo, 1996) atopou esa gasolina que activa a súa paixón nunha das modalidades máis duras da motocicleta de montaña, o hard enduro. Logo dunha campaña de preparación, lidera o campionato luso na categoría expert. O seguinte paso é o de alzar o título e pasar a competir cos mellores da península.

-Gañou as tres primeiras probas do torneo portugués. Como o explica?

-Este é o segundo ano que corro. Tiña xa unha base do trial, pero agora tomeino moito máis en serio. Non é só unha cuestión de técnica, faiche falla forma física e experiencia. Traballo nunha empresa familiar e trato de adestrar algo tódolos días. Saio ás sete e aínda que chegue ás nove ou ás dez á casa, busco un oco para ir ao ximnasio, saír na bicicleta ou coller a moto. Como ben, non me dou caprichos, non bebo, non fumo. Fai falla estar nunha gran forma para competir.

-Mudou por completo logo.

-Este deporte cambioume a vida. Antes saía, tomaba algunha copa, pero agora céntrome en traballar. Vou aforrando e, aínda que teño axudas dalgunhas empresas da zona, tiro dos meus cartos.

-Que meta se pon para esta temporada?

-Propóñome rematar o campionato de primeiro. Aínda quedan tres probas, que se disputarán a partir de setembro. Para o ano gustaríame subir de categoría e intentar chegar o máis alto posible. Estaría ben alcanzar o podio nalgunha proba. É difícil, pero quero loitar cos de arriba. Podería manterme nesta categoría, pero non aprendería tanto. Teño 23 anos e non quero estancarme. A maiores, en verán irei a competir ao campionato de Super Enduro de Portugal. É coa mesma moto, pero en vez de correr no monte, falo nun circuíto con obstáculos no medio.

-Non para entón.

-O ano pasado xa fun competir en súper enduro cos corredores sen licenza portuguesa. Gañei, e este verán falei cos organizadores para federarme en Portugal. Ademais de ser máis barato, permíteme subir de categoría.

-Cal é a próxima proba?

-En Lagares, en Porto. Trátase dunha carreira do campionato mundial. É a principios de maio. Xa estiven o ano pasado e rematei décimo da miña categoría. É unha proba importante, vistosa. Saes do centro da cidade e ademais aprendes un montón. Vai xente moi boa de todo o mundo.

-O hard enduro ten boa saúde?

-Está medrando. En cada carreira somos 220 motociclistas. Na modalidade na que estou chegamos aos 60. Rematar primeiro xa é algo importante.

-É abraiante que o conseguira en tan pouco tempo.

-Para iso inflúe tamén participar en moitas carreiras. Cantas máis fago, máis experiencia collo e iso estouno notando moitísimo. Ser constante é moi importante. Ten en conta que debes estar catro horas no monte e enriba da moto.

-Case nada.

-É duro. Hai veces que acabas de comezar e xa estás desexando que remate. O problema é que cando chegas á meta estás contentísimo e pensando en volver a competir o antes posible. No País Vasco hai unha das probas máis importantes de España. O ano pasado, das 180 persoas que comezaron só a remataron catro.

-Imaxino que levou algún susto.

-O ano pasado en Lagares caín por un río. Nunha baixada esvarei e rematei debaixo dunha fervenza. Puiden sacar a cabeza e pedín axuda. Xa viña un da organización a axudarme, pero iso é o que lle gusta á xente. Quere morbo.