Mauro Castaño: «Véxome capacitado para Preferente»

Recoñece que o obxectivo do ascenso foi imposible, pero confía no resto do vestiario para amarrar a salvación canto antes


Mauro Castaño (Rianxo, 1996) é, sen dúbida, un dos xogadores máis prometedores do fútbol rianxeiro. Logo de despuntar sendo un rapaz, exerce agora como un dos líderes do Unión. Recoñece que o obxectivo do ascenso foi imposible, pero confía no resto do vestiario para amarrar a salvación canto antes.

-Saíuse contra o Tordoia.

-Fixemos un bo encontro e repoñéndonos a un resultado adverso. Empezamos perdendo e subimos a intensidade. Xeramos ocasións para marcar e nunha destas anotei o 1-0. O segundo foi de falta directa, bastante afastada. Puxen un centro, ninguén o tocou e enganou ao porteiro.

-Volvendo ao xeral do ano. Como valora a tempada ata agora?

-Empezamos con dúbidas e custounos coller ritmo. Agora parece que entramos mellor nos encontros, estamos facendo bos partidos. O obxectivo ao comezo era subir, pero agora mesmo temos que escapar de onde estamos como sexa. Queremos sumar de tres en tres.

-E a nivel individual?

-Tiven problemas co nocello. Esperaba dar máis, pero non collín o pico competitivo. Agora vou mellor e con Rati estou moi contento, axúdanos moito.

-Que plan ten para o ano?

-Non sei aínda. Quero saber quen se queda e quen marcha. Eu quero facelo o mellor posible. Gustaríame que permanecera o míster, tódolos anos estamos cambiando e así é complicado.

-E dar o salto de categoría? Vese capacitado?

-Véxome capacitado para Preferente e Terceira. Cando era xuvenil fixen a pretempada co Ribadumia. Ao final non quedei, pero vinme ben. Ao final é unha cuestión de ter minutos, adestrar e adaptarte a ese ritmo.

-É ambicioso. Cómo se definiría como xogador?

-Este ano xogo na banda, aínda que sexa máis medio ou mediapunta. Teño bo golpeo e gústame chegar dende segunda liña, pero estoume adaptando a esta posición, intento desbordar máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Mauro Castaño: «Véxome capacitado para Preferente»