David Parada: «Este ano fomos moi regulares»

RIANXO

MARCOS CREO

O seu equipo, o EFM Boiro, vén de ganarlle ao Chispa, líder ata ese momento invicto na categoría

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

David Parada (Rianxo, 1983) atópase no mellor momento da tempada. O seu equipo, o EFM Boiro, vén de ganarlle ao Chispa, líder ata ese momento invicto na categoría. Sen botarse flores, recoñece que queda moito por diante e que As Miúdas e o Aguiño pelexarán ata o final.

-¿Como vai a tempada?

-Mellor do esperado, non pensei que poderíamos estar tan arriba. O obxectivo era o cuarto ou o quinto posto, e xa sería un bo ano. Agora estamos no segundo e defenderémolo ata o final.

-¿Que pasou ante o Chispa?

-Foi un día moi completo. Saíunos todo ben e contamos coa sorte necesaria para gañar. Elas apertaron na recta final, tiveron moitas ocasións de gol, pero as nosas xogadoras traballaron moito.

-¿Tan bo é o Chispa?

-É un equipo doutra liga. Eu xa pensaba que non ía perder en todo o ano. Levan moito tempo traballando xuntas e creo que non terán problemas para manter a categoría en primeira.

-¿Non as collerán?

-Vexo complicado que volvan a perder outro encontro. Nós teremos que pelexar cas Miúdas e co Aguiño. Son dos grandes rivais, con calidade e con moita intensidade. Este ano fomos moi regulares, pero nos enfrontamentos directos puido gañar calquera.

-¿Que saúde ten o fútbol feminino na comarca?

-Eu creo que moi boa e iso que levo bastante neste mundo como axudante. Ata este ano non collera un equipo dende o principio e nótase moito a melloría. Como siga así, dentro de varios anos en Galicia haberá un nivel moi alto. Antigamente era moi difícil ver unha rapaza nun equipo de nenos, mentres que agora é complicado ver un equipo de rapaces sen ningunha nena.

-Ten razón.

-Iso si, penso que as rapazas deberían pasar a un equipo feminino en infantís. É máis fácil á hora de integrarse. Cando son pequenas adáptanse rápido, a pesar de haber moitas idades diferentes.