Castelao retorna ás rúas de Rianxo

O Concello estreará unha nova ruta que percorrerá 33 puntos da vila que foron moi importantes na vida do escritor


ribeira / la voz

Oitenta anos despois de que o exilio obrigara a Castelao a cruzar o Atlántico, o escritor rianxeiro retornará á súa vila natal, pero esta vez en forma dun novo e orixinal itinerario co que se poderán percorrer algúns lugares do municipio barbancés que marcaron a vida e a obra do famoso debuxante. «Serán un total de 33 puntos da vila vinculados dalgunha maneira á biografía do escritor nos que se colocarán unhas placas especiais», anunciou o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños.

De feito, estes carteis foron encargados expresamente á firma de cerámica Sargadelos, con un de cuxos fundadores, Isaac Díaz Pardo, mantivo unha gran relación o galeguista, xa que ambos chegaron a traballar xuntos e incluso realizaron algúns dos carteis sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, que finalmente asinaría o rianxeiro.

Estas pezas de cerámica, que teñen forma circular, destacan porque levan o nome do concello, e aprovéitase a última letra para colocar as típicas lentes que usaba Castelao.

Panel informativo

A nova ruta que percorrerá as rúas da vila barbancesa completarase cun panel informativo que está previsto instalar nas inmediacións da casa consistorial, e que, ademais de aportar a localización de todos os lugares que compoñen este itinerario Castelao, «tamén permitirá descargar contidos relacionados co escritor, coa súa vida e a súa obra», subliñou o mandatario.

Un dos lugares principais que incluirá o percorrido será a casa situada no número 42 da Rúa de Abaixo, onde viviu o ilustre galeguista coa súa familia durante moitos anos e que ocuparon as súas irmás ata o seu pasamento. Aínda que a intención dos distintos gobernos municipais que houbo en Rianxo foi converter este inmoble nun museo, na actualidade segue sendo propiedade privada, aínda que no ano 2009 foi declarado ben de interese cultural (BIC).

Outros recunchos da vila rianxeira que tamén terán un oco neste percorrido pola vida de Alfonso Rodríguez Castelao serán a biblioteca municipal, bautizada co seu nome; distintas vivendas nas que tamén estivo de aluguer coa súa muller, Virxinia; a praza do Concello, onde traballou o seu pai; ou o antigo cine no que ofreceu algúns mitins.

Segundo explicou Muíños, esta era «unha ruta que facía falta para amosar a pegada de Castelao na vila, porque son espazos moi significativos e algúns deles pouco coñecidos». O rexedor anunciou que está previsto que nas próximas semanas se poidan instalar as novas placas para poder inaugurar o percorrido tan pronto como sexa posible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Castelao retorna ás rúas de Rianxo