Rianxo estrea a presidencia da Asociación de Entidades Locais pola Lingua fundada en Santiago

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

XOAN A. SOLER

Un total de quince concellos integran o novo colectivo

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Desenvolver proxectos conxuntos no eido da dinamización e normalización do idioma galego é o obxectivo dunha nova entidade que vén de constituírse nunha asemblea celebrada en Santiago. A Asociación de Entidades Locais pola Lingua está formada, polo momento, por un total de 15 concellos, entre eles o de Rianxo, ao que correspondeu asumir a presidencia do novo colectivo.

O mandatario rianxeiro, Adolfo Muíños, explicou que o xerme desta nova entidade está nunha serie de iniciativas e programas que teñen que ver coa normalización da lingua no que colaboran distintos concellos galegos, como Apego, o certame Youtubeir@s ou o club de debates. O propio rexedor recoñeceu que Rianxo non estivo na fundación destes proxectos, pero uniuse a eles e nos últimos tempos acabou converténdose nun socio activo.

A asociación que vén de crearse ten como finalidade formalizar a relación que xa existía entre os concellos participantes, como explica Muíños: «Preténdese integrar a liña de traballo que se viña mantendo do no desenvolvemento de actividades que fomentan a nosa lingua e que a partir de aí xurdan novas vías de colaboración. O que agardamos é que xurdan novos proxectos».

Novas incorporacións

A asociación, que se constituíu nun acto celebrado no pazo de Raxoi compostelán, está formada por 15 entidades locais: A Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía e Rois. Con todo, o alcalde rianxeiro apunta que a relación de concellos participantes se verá incrementada proximamente.

No caso de Rianxo, a participación neste novo colectivo foi aprobada en pleno co apoio unánime de todos os grupos. En canto á responsabilidade de asumir a presidencia, Adolfo Muíños sinalou que mentres dure este período terán que actuar como anfitrións nas reunións que se celebren. Pola súa banda, o Concello de O Grove asumiu a vicepresidencia.

O colectivo quere desenvolver proxectos conxuntos arredor do idioma galego