O C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo xa lidera a Liga

RIANXO

MARTINA MISER

O cadro vilagarcián calcou ante o Rianxo o amplo triunfo da primeira rolda da División de Honra

05 feb 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

O camiño do Club Xadrez Fontecarmoa cara a consecución do seu segundo título de campión de Liga Galega de Division de Honra avanza a moi bo ritmo. O C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo repetíu o pasado sábado na segunda xornada do calendario o seu contundente resultado da xornada inaugural fronte ao Círculo Ferrolano. Impoñéndose 4,5-1,5 ao Club Xadrez Rianxo na Casa de Cultura de Vilagarcía. Dous resultados que lle permiten liderar a clasificación provisional cos mesmos 9 puntos co defensor do título, o USC, e co C.D. Xadrez Ourense, os outros dous únicos conxuntos dos doce da máxima categoría do xadrez galego que suman os seus enfrontamentos ligueiros do 2019 por vitorias.

Pese á súa recente creación, o C.X. Rianxo presentábase na capital arousá cos seus tres primeiros taboleiros campións absolutos galegos. Algo do que ningún outro club pode presumir. Con todo, o C.X.F. Viajes Interrías asinou un triunfo claro. Con Julio Suárez vencendo en relativamente pouco tempo a Fernando Sánchez no primeiro taboleiro, e con Lucas Abal facendo o propio no segundo ante Marcial García. Quen non puido co seu rival foi Julio González no terceiro taboleiro, con reparto de puntos final no seu duelo coa única campioa absoluta muller de Galicia -ano 2017-, Inés Prado. Mesmo resultado, táboas, co asinado por Dan Cruz e Eloy Sixto na quinta mesa, e por Manuel Conde e Sergio Arevalillo na sexta. O capitán do equipo, Julio Torrado, fíxose co terceiro triunfo da tarde para o C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo, a costa dun Manuel Abuín que obrigou o vilagarcián a empregarse a fondo.

O Baños Print e o Dorna gañan

O C.X.F. Baños Print venceu pola súa banda 2,5-1,5 o Marquiño, situándose terceiro con 5 puntos na clasificación da Primeira B. Unha Liga na que o Dorna Vengarco avanza quinto con 4 puntos, logo da súa vitoria o pasado sábado 3-1 sobre o Mercantil de Ribeira.

Derrotas dos equipos do Grove

Na Segunda División, Grupo D, o C.X.F. McDonalds é o líder con 6 puntos emulando o primeiro equipo do club vilagarcián ao impoñerse na segunda rolda da tempada 4-0 ao C.X. Rianxo C. O C.X.F. Casa da Xuventude, quinto na clasificación, non pasou do empate, 2-2, no local de xogo do Padrón C. Peor sorte tiveron os dous equipos grovenses da categoría que comparten grupo cos dous conxuntos do Club Xadrez Fontecarmoa. Co Breogán perdendo 3,5-0,5 na súa visita ao C.X. Rianxo B, e co Cum Laude perdendo 3-1 ante o Xadrez Bueu B. O Breogán é undécimo e penúltimo con 2,5 puntos e o Cum Laude noveno, con 3.