«Mi hijo en un aula masificada, jamás»


Dende estas liñas, esixo solidariedade e recoñecemento a todos aqueles pais e nais que emprenderon o proceso de presentación de solicitudes para matricular aos seus fillos nun centro educativo. Pero agora permítanme afastarme deste asunto no que xa se leva vertida tinta dabondo, para expoñer dúas historias que pretenden conformar un adianto nas páxinas desta xornal do clásico pasatempo da procura dos oito erros. Un saúdo ao mestre Jean Laplace, que andará o galo debuxando e borrando minúsculos trazos de aureolas no ceo.

Poñámonos en situación. Nun lado temos a unha familia de clase media alta, dalgunha capital de provincia ou de comunidade autónoma. Dende que eran ese tipo de mozos que poden soñar o seu futuro sobre o colchón da empresa ou rendas familiares, ambos proxenitores tiñan moi claro que os seus pequenos non pisarían xamais «una de esas aulas masificadas de la educación pública». No seu lugar, esta parella confeccionou unha listaxe cos centros que garantían que a clase nunca superaría a ducia de rapaces, aínda que a cifra dos recibos mensuais contase cuns cantos díxitos máis. «Cariño, pero ¿has visto estas fotos? Aquí salen al parque a hacer actividades, igual que los de tu amigo que vive en Estados Unidos, sí, aquel que también recibía clases al aire libre en la Universidad de Berkeley», e así se obtén o candidato gañador.

Na segunda viñeta temos que desprazarnos ao interior dunha vivenda nalgunha parroquia galega. Sentados á mesa, un pai e unha nai cobren un formulario mentres charlan tranquilamente. Non hai un ápice de preocupación porque saben que os seus fillos serán aceptados sen problemas e tampouco houbo un gran labor previo de análise, pois decantáronse pola escola máis próxima ao seu fogar. Curiosamente, no seu caso, os cativos tamén recibirán unha atención individualizada e terán a posibilidade de facer saídas á natureza, que, por certo, atópase moi preto das instalacións educativas. Pero, ¿cal é a diferenza entre estes dous casos, máis alá dos escenarios urbanos ou de carácter rural? Pois que os segundos non tiveron que hipotecarse para pagar un suposto ensino de elite.

A seguinte afirmación pode sonar estraña, pero na meirande parte das veces a educación nunha escola unitaria chega a ser un auténtico privilexio. Convido a todos aqueles que dubiden das miñas palabras a pisar as aulas de calquera das escolas do CRA de Rianxo. Na do Cruceiro fun testemuña de como rapaces de catro e cinco anos chegaban á clase e eles mesmos anotaban o título do libro que levaran emprestado para devolvelo aos estantes. Fálolles de centros tan conectados co pobo como o de Sobrado-Nebra, onde se creou unha biblioteca que tamén se abre á veciñanza sonense. Son anacos dunha vila que se levan parte dela cando desaparecen, como a fin do Emilio de Navasqüés.

Por Antón Parada CIUDADANA

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Tags
Comentarios

«Mi hijo en un aula masificada, jamás»