O número 141 do suplemento «A voz de Barbantia» verá a luz mañá

La Voz

RIANXO

cedida

A asociación mantén para hoxe a súa cita mensual, que será en Rianxo no marco dos Actos Castelao e contará coa presenza, como convidada, de Ana Cabaleiro

25 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que o habitual é que sexa publicado cada último venres de mes, nesta ocasión, o novo número do suplemento cultural La Voz de Barbantia, o 141, verá a luz mañá e será difundido, coma sempre, co xornal La Voz de Galicia. Aínda así, a asociación Barbantia mantén para hoxe a súa cita mensual. Terá lugar en Rianxo, ás 20.30 horas, no marco dos Actos Castelao. Contará coa presenza, como convidada, de Ana Cabaleiro, que presentará As Ramonas, obra gañadora do Premio García Barros 2018. Participarán Malores Villanueva, María Xesús Blanco, Pepa Martínez, Marina Losada e Uxía Otero. Haberá unha intervención plástica a cargo de Electra Menéndez e un peche musical con Olalla Rodríguez.

Historia e arte

A maiores, o programa dos Actos Castelao inclúe para esta tarde outras dúas actividades. A primeira é unha conferencia a cargo de Xosé Estévez, baixo o título Plácido Castro e Galeuzka. Será no auditorio, ás 19.00 horas. Logo chegará a quenda da arte con Florencio Maíllo, que ofrecerá unha visita guiada pola colección Castelao e os cruceiros: autobiografía e experiencia vital, que estará a disposición do público no edificio municipal ata o vindeiro día 2.