José Carou: «Ser de Rianxo imprime carácter literario»

xoán. r. alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

RIANXO

cedida

É mestre no IES Espiñeira e vén de gañar o certame Modesto Rodríguez Figueiredo

25 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Carou Rey vén de ser elixido gañador do certame literario Modesto Rodríguez Figueiredo -ao que se presentaron 57 narracións- coa súa obra Afán e infortunio dos días estragados. O premio, un dos máis prestixiosos do panorama galego, está convocado pola Fundación do Pedrón de Ouro e cada ano organízase nun concello diferente para levar a literatura galega a todos os recunchos do país.

Desta volta foi Mazaricos o promotor dun certame literario que na súa primeira edición, en 1975, premiou, entre outros, a Méndez Ferrín ou Martínez Oca e cuxa listaxe de galardoados desde aquela dá brillo as letras galegas. «É para min unha honra entrar a formar parte da nómina dos premiados neste concurso, moitos deles escritores e escritoras aos que lin a aos que admiro», di o autor que, sen embargo, confesa considerarse mais profesor de Filosofía que escritor: «As aulas de secundaria e bacharelato son o meu hábitat natural. De feito, dedico este premio aos meus compañeiros e alumnos pasados e presentes. E aos meus pais, por suposto. Levo 23 anos dando clase, desde hai sete no IES Espiñeira de Boiro, moi preto de Rianxo, onde nacín e a onde volvín vivir co paso do tempo».

Carou Rey estudou Filosofía «porque daquela non había facultade de xornalismo en Galicia», matiza, e escribe dende cativo. «Para min a literatura e a filosofía son o cuño das dúas caras da mesma moeda. Unha dobre pertenza que cobra carta de natureza na escrita. Podo falar de mil xeitos, cambiando de rexistros ducias de veces ao día, desde o ámbito máis académico ao máis próximo e querido do galego con seseo e gheada das Rías Baixas, pero só na escrita me achego á esencia dunha existencia continxente, cun principio e un final, a miña, inzada de erros e con algúns acertos, coma todas as demais. É difícil perseverar en seguir sendo humano nun planeta cada vez máis hostil, desigual e tecnocratizado».

A importancia da palabra

Quizais por esta afirmación prefire non opinar de fenómenos actuais coma o das redes sociais, das que non participa pero ás que si lles recoñece certa contribución democratizadora a nivel cultural e informativo: «Traballo con rapaces, e confío plenamente en que a súas capacidades están moi por riba do enfaixamento dos 250 carácteres do Twitter. Adoito ser moi pesado insistíndolles en que deben ler, en que só a lectura e o pensamento crítico os farán seres libres». Neste sentido, recorda as palabras de Jean-Paul Sartre nas que sinalaba que o mundo podería prescindir perfectamente de literatura, máis aínda mellor podería, postos a prescindir, facelo da especie humana. «Aí reside o quid da cuestión, somos humanos porque a palabra nos posibilita, porque a evolución filoxenética e cultural nos trouxo ate este punto da historia. O uso axeitado do idioma é a nosa única posibilidade de chegar aos demais, e a nós mesmos», sentencia o autor, que xa foi galardoado con multitude de premios anteriormente, entre os que destacan o Faustino Rey Romero, o Lueiro Rey ou Os Viaductos.

O xurado do Modesto R. Figueiredo non só destacou a intensidade, a boa documentación ou a excelente ambientación do relato de Carou, senón tamén a súa innegable calidade dende o punto de vista lingüístico e estilístico. O gañador, que recoñece levar máis de dez anos sen escribir ficción, sinala que no seu estilo influíron de xeito determinante os principais escritores do país e lecturas de outros moitos foráneos como Cormac McCarthy, Clarice Lispector, Foucault, Zweig, Benet, Faulkner ou Foster Wallace. Aínda así, non nega a repercusión da súa terra na literatura que crea: «Ser de Rianxo imprime carácter literario. A presenza do mar configúranos. Agora mesmo teño un par de estantes na miña biblioteca persoal repletos de obras de autores rianxeiros. E aí non inclúo a Dieste, Manuel Antonio ou Castelao, senón que falo de contemporáneos meus, excelentes poetas, dramaturgos, filósofos, novelistas, contistas e ensaístas».

A entrega do galardón a José Carou Rey terá lugar mañá, ás 21.30 horas, na casa de cultura da Picota, nun acto que presidirá o académico Manuel González.