José Ramón Parada: «Temos que ser un conxunto»

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

DANI GESTOSO

O técnico do Barbanza Rugby Club analiza as necesidades do equipo para mellorar unha temporada lastrada

07 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Con botarlle unha ollada ao currículo deportivo de José Ramón Parada (Vilagarcía de Arousa, 1973) non é complicado entender por que ten máis que mérito de sobra para estar á fronte do Barbanza Rugby Club Clínica Mares. Xogador da lenda lucense do Euita RC, chamado a filas polo histórico Xabaril e peza clave de Os Ingleses dende 1996, o técnico foi claro ao concretar as necesidades do equipo barbancés para mellorar os seus resultados nunha tempada en segunda rexional que se lles está resistindo. A receita é que o bloque da serea sexa iso, un bloque.

-¿Podería facer unha valoración xeral do primeiro ecuador da tempada para o Barbanza?

-Foi difícil. Comezamos cun nivel moi baixo no aspecto técnico, aínda que no aspecto de xogo non fose así. Temos uns cinco xogadores para os que este é o seu primeiro ano e no rugbi necesítase tempo. É dicir, o inicio foi duro porque cousas básicas que dás por sentadas non se coñecían e iso provoca que moitas veces perdamos o balón. Cheguei aos adestramentos cunha idea e tiven que dar marcha atrás para comezar de cero.

-¿Onde fraquea o equipo?

-Non acabamos de engancharnos aos encontros. É certo que merecemos gañar algúns partidos, pero con que só dous xogadores se desconecten un instante estamos perdidos. Fisicamente acaban ben, pero é o momento de falta de concentración o que nos fai perder. Eses 15 minutos no que che fan dous ensaios.

-¿Como se lle pode dar a volta a este escenario negativo?

-Temos que ser un conxunto. Claro que hai xogadores clave como Gamba, que se ten o balón nos últimos 25 metros sabes que non vai fallar, mais un equipo somos 15. Necesitamos que todos corran sen tirar cada un polo seu lado, non precisamos un Cristiano Ronaldo.

-Aínda así caeron con dignidade ante o Zalaeta, que viña de meterlle un 77-0 aos segundos.

-Tivemos un mal día [15-33], os nosos pateadores fallaron tres tiros ao pau, foi mala sorte a pesar de que fixéramos un ensaio moi bonito. Pero é certo que o único partido que gañamos, contra Vigo, fixémolo estando 25 minutos cun de menos. Demostramos ter unha dianteira moi potente, pero hai que seguir traballando.

-Teñen un equipo, como mínimo, a respectar.

-Perdemos moitos encontros, mais se os analizas, excepto o de Mareantes que non houbo por onde collernos, todos se perderon por moi pouco. Temos equipo para disputar a fase de ascenso, pero para iso este debe estar rodado.

-¿Cal é o obxectivo que se marcan nesta segunda volta?

-Gañar. Espero que esta segunda volta sexa mellor en resultados e sigamos medrando no xogo. E seguir agradecendo a asistencia da afección ao campo, así como o apoio do Concello de Rianxo.