«Quero que todos montedes na bici»

A campaña para atopar o agasallo perdido de Roi, un alumno da escola de O Cruceiro, deu os seus froitos


RIBEIRA / LA VOZ

«Esta mañá soñei que nevaba e aparecía a bicicleta de Roi». Estas foron as palabras pronunciadas polo pequeno Manuel nada máis cruzar a porta da escola de O Cruceiro-Rosalía de Castro, un centro pertencente ao CRA de Rianxo no que hai unhas semanas se iniciaba unha campaña para atopar un dos xoguetes máis prezados de Roi, un neno que no verán perdera a bicicleta de madeira que seu pai lle trouxera de Suíza. ¿Cren nos milagres de Nadal? Pois nesa primeira frase hai unha parte que se cumpriu, algo máis belo e extraordinario que a danza das folerpas ao carón dunha vila mariñeira.

O reloxo da aula marcaba as dez da mañá e a chegada de dous xornalistas interrompía os ensaios dun espectáculo polo que o grupo de escolares se converteran en leóns. A profesora Sol Beiroa -que se encarga dos cativos xunto a Teresa Lorenzo-, explícalles que están seguindo a pista da desaparición do vehículo polo que se realizaron carteis, mapas e se mobilizou a nais e pais, familiares e amigos.

Mais o que naquel intre descoñecían os rapaces é que noutra estancia do colexio se atopaba unha misteriosa caixa de cartón envolta en follas de xornal. Tras poñela no centro do círculo, cada un dos raparigos foi quitando un anaco de papel e a medida que se ía espindo os ollos de Roi medraban ao mesmo ritmo. Ata que só quedou á vista unha carta e unha bici de madeira que acendeu un terremoto de ledicia.

A carta

«Grazas, quero que todos montedes na bici, se hai alguén que quede sen subir agora, pola tarde estarei no parque», así foi a instantánea e incrible reacción de Roi ao recuperar o seu tesouro, un rapaz de 5 anos capaz de ensinar unha lección que a moitos lles custaría toda unha vida aprendela. Un rapaz cuxa primeira decisión foi a de deixar que os seus compañeiros xogasen con ela. Ao fin e ao cabo, de non ser por eles nunca a recuperaría. Mais nesta historia tamén hai heroes sen rostro.

«[Roi,] sin conocerte ya te quiero y te entrego tu valiosa bici, porque a veces lo insignificante para unos es valioso para otros. Anónimo». Así remataba a misiva que acompañou a entrega do vehículo, na que se relatan os detalles do misterio que comezou no paseo da praia da Torre. Ese foi o lugar onde alguén reparou por segunda vez nunha solitaria bicicleta de madeira que seguía tombada no chan tralo solpor.

«Estaba viendo Facebook en compañía de mi familia cuando vi la foto de una bicicleta de madera igual a la que había encontrado hacía tiempo. Me llamó la atención la noticia gracias al buen trabajo que hiciste en clase, donde, Roi, explicaste lo que significaba para ti», proseguía a carta. O que comezara como unha anécdota na clase e foi pasando de debate a proxecto educativo e logo a unha iniciativa real, rematou por ser un milagre de Nadal.

A última lección

O certo é que incluso chegou a haber un ofrecemento dun carpinteiro para facer unha nova, pero tal e como apuntou Sol Beiroa, o importante non era que aparecese a bicicleta, senón todo o que se implicaron uns raparigos de entre tan só 4 e 6 anos de idade.

E antes de que a clase estalara en aplausos, a mestra destacou que un neno ou nena tivo que renunciar ao xoguete atopado regalando unha última lección das que non se aprenden nos libros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos
Tags
Comentarios

«Quero que todos montedes na bici»