Rianxo celebra o Nadal ao seu xeito coa axuda dun gran apalpador

M. X. B.

RIANXO

cedida

Unha carpa con obradoiros e actuacións diversas funcionará na praza Castelao do mércores ao sábado

19 dic 2018 . Actualizado a las 14:27 h.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a concelleira Adelina Ces presentaron hoxe Nadal ao noso xeito, a proposta  lúdica do Concello para animar as festas. Xunto a eles estará un apalpador xigante, de dou metros e medio de altura, que se converterá no protagonista das actividades que, coma en anos anteriores, estarán dirixidas por Nelson Quinteiro. O epicentro será unha carpa instalada na praza Castelao, a onde o gran apalpador regresará sempre despois das súas excursións, nas que estará arroupado por formacións coma os gaiteiros Prima de Buxo, as cantareira Bulideiras, o colectivo Máis Cantos de Marín, Río de Anxo ou a Banda do Patajullo.

Tamén no interior da carpa, que funcionará do 26 ao 29, se desenvolverán unha serie de actividades dirixidas fundamentalmente ao cativos. Entre as máis importantes está unha sesión de contos con Anxo Moure e Servando Barreiro (martes, 18.00 horas); o concerto de Lydia Botana (martes, 18.30); a actuación de Paco Nogueiras, que chegará co seu espectáculo Brinca vai (mércores, 18.30); o espectáculo musical do propio Nelson Quinteiro (sábado, 17.00); e o concerto de Tino Baz, autor da panxoliña contemporánea de maior éxito, Os pitiños (sábado, 18.30).

A carpa tamén será un lugar de aprendizaxe, pois dará cabida a diferentes obradoiros. Baile tradicional e interpretación de panxoliñas son algúns dos que están planificados. E mesmo contará cun pequeno mercado de produtos artesanais, boa parte deles feitos en Rianxo. Xogos e sorpresas completarán unha oferta lúdica que onte foi presentada polo rexedor, Adolfo Muíños, e pola concelleira de Desenvolvemento Local, Adelina Ces, quen destacou o marcado carácter galego da iniciativa: «Quixemos convertela en algo máis noso, o que influirá incluso na decoración da carpa e nos vestiario dos músicos e dos bailaríns».

Máis alá desta carpa, haberá máis actividades na vila. Para o 31 hai programada unha festa de Fin de Ano, que incluirá unha actividade solidaria de zumba ás 12.30, e o día 7, superada xa a máxica visita dos Reis Magos, Os Bolechas chegarán a Rianxo co espectáculo Nadal no polo norte.