José Figueira: As campás de Asados dobraron por un dos seus últimos campaneiros

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Os seus veciños despedírono onte no cemiterio parroquial

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, á primeira hora da tarde, dobraron as campás de Asados. Nestes tempos nos que as novas tecnoloxías son a solución para case todo, era un mecanismo automático o que se encargaba de anunciar que había enterro, pero non hai tanto tempo eran persoas de carne e óso as que tanguían os metais e coñecían ese código preciso que tan interiorizado teñen, sobre todo, os maiores, para saber cuns poucos toques que había morto na parroquia. Agora case non quedan campaneiros, e onte a quen despedían en Asados era, precisamente, a un dos últimos, José Figueira Ordóñez.

Veciño do lugar das Folgueiras, hai uns anos era José o encargado de facer repicar as campás cando había acontecementos importantes. Pero non eran os metais o único instrumento que dominaba, tamén era experto nos de vento, e durante anos exerceu como músico poñendo o seu talento e bo facer ao servizo da banda rianxeira.

Tamén era coñecido en Asados polo seu labor colocando os arames das viñas de boa parte dos veciños da redonda.

José Figueira recibiu o último adeus onte pola tarde na igrexa de Asados, onde se oficiou un funeral antes de recibir sepultura no cemiterio parroquial.