Os alumnos de primaria e secundaria xaponeses teñen que varrer, pasar a fregona e limpar os aseos da súa escola ou instituto cada día como unha rutina escolar máis, unha práctica educativa que os enche de orgullo. A chamada On-Soji deféndea a cidadanía indicando que «ademais de estudar as materias correntes, aprenden a coidar o que é de todos e convértense en cidadáns conscientes». Tras moitos anos de funcionamento, ninguén puxo en dúbida o sistema.
Nas escolas e institutos non existen cafetarías nin comedores e xantan na aula; son os propios alumnos os que serven o xantar aos colegas e recollen todo. Cada grupo é responsable de deixar todo listo para as clases, baixo a responsabilidade do profesor. Indican estes que cando eles foron alumnos tamén o facían «porque adquírense os valores da responsabilidade, da empatía, do coidado dos bens de todos». Tamén están obrigados os estranxeiros que chegan ao país a adaptarse ao sistema establecido. Aos seus ollos, o sistema parécelles ríxido, pero engaden: «A educación é considerada un asunto moi serio polos xaponeses».
Quedamos asombrados co seu comportamento na Copa do Mundo do Brasil onde todos limparon as bancadas dos estadios. Calquera que viaxa ao seu país decátase que as rúas xaponesas están impecables, sen lixo polo chan, sen mobiliario público estragado, sen pintadas nas paredes nin patrimonio cultural agredido. A implantación deste sistema aquí evitaría que cada día teñamos que espertar con episodios de irresponsabilidade, maltrato que pagamos todos e desleixo.