Laura Gómez: «Non quero que ninguén me poña barreiras»

s. gómez

RIANXO

DANI GESTOSO

Este ano, como dianteira, é a pichichi, con dez tantos en cinco xornadas

17 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Laura Gómez Abuín (Rianxo, 1996) é unha das almas do Unión feminino. Foi grazas á súa insistencia e perseveranza que o conxunto viu a luz hai tres tempadas. Disposta a xogar onde o técnico a precisara, chegou incluso a poñerse baixo paus. Este ano, como dianteira, é a pichichi, con dez tantos en cinco xornadas.

-Como está vivindo o arranque da competición?

-Está sendo algo difícil. Tratamos de facelo o mellor posible. Non nos poñemos como meta subir de categoría. Queremos adaptarnos e aprender. Hai xente que comezou de cero e iso leva tempo; teñen que adaptarse.

-Non foi o seu caso. Está en plena racha goleadora.

-[Ri] No equipo somos dúas rapazas as que xogamos ao fútbol dende nenas e temos que levar o peso. Non tiñamos unha competición na que xogar e decidimos crear un conxunto. Tivemos anos malos, pero abrímoslle as portas a calquera que lle guste este deporte. Non hai demasiada xente que teña esa iniciativa, menos no fútbol feminino.

-Xogou sempre no Unión?

-Estiven ata alevíns. Logo deixei un ano. Sempre me gustou este deporte e volvín. Pensei que podiamos facer algo.

-Non lle vai nada mal. Contra o Bamio marcou seis tantos.

-Hai que adestrar moito. Póñome moi nerviosa diante da porteira. Dinme que fallo moitos goles [ri]. Teño que pararme máis e pensar. Coas faltas, pásame igual. Nos adestramentos métoas, nos partidos non me atrevo.

-Sentiuse discriminada por ser muller nalgunha ocasión?

-En ocasións sempre metían antes aos rapaces, xogase ben ou mal. Eu xogo ao fútbol por min, non quero que ninguén me poña barreiras.

-Parece que o fútbol feminino goza de boa saúde na comarca.

-Semella que si. Creáronse moitos equipos, como é o caso do Carreira ou o noso. Nós tivemos que adaptarnos, eramos poucas no equipo, pero agora xa somos un grupo máis consolidado.