Luís Noya: Cando a xubilación regala unha paixón

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

marcos creo

Ao deixar de traballar, o rianxeiro descubriu na pintura a súa gran afección

12 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Empezou, na súa etapa laboral nun taller mecánico, a familiarizarse co mundo artístico. Dáballe voltas aos ferros e empataba uns cos outros coa soldadura ata conseguir figuras artísticas. De feito, fixo unha reprodución da Virxe da Guadalupe e tamén dos corpos de escritores como Rafael Dieste, Castelao e Manuel Antonio. Pero foi cando se xubilou que Luís Noya descubriu a arte en toda a súa inmensidade. E tan prendido quedou da súa afección que agora, con 80 anos cumpridos, non pode pensar noutra cousa. Pasa todo o tempo que lle regala a vida pintando paisaxes e esbozando retratos, as súas temáticas preferidas.

Aínda que se mergullou neste mundo de xeito autodidacta, despois de que a súa muller e a súa filla lle regalaran un cabalete, pinceis e pinturas, Luís Noya non tardou en ser consciente de que quería máis e acudiu a un veciño de recoñecida sona, Raúl Gil Burés. Hoxe, dúas décadas despois de pisar por vez primeira o seu estudo de Taragoña, segue acudindo puntual á súa cita co mestre cada xoves: «Somos un grupo de media ducia de persoas que nos xuntamos tanto para aprender e practicar como para conversar e intercambiar experiencias».

Co profesor comezou, como ten que ser, pasiño a pasiño: «Estiven tres anos pintando con carboncillo e facendo retratos, o que me axudou moito cando dei o paso ao óleo. Ao fin e ao cabo, non hai que esquecer que no debuxo está a base da pintura». E así foi, pouco a pouco, descubrindo a súa gran paixón: «Teño tempo libre de sobra e traballo con moita paciencia, se ben é certo que cando comezo un cadro non son quen de parar ata que o remato».

Gústalle deixarse inspirar polo seu Rianxo: «Vivo preto do paseo marítimo e encántame recrear esa zona, aínda que tamén me deixo levar por unha aldea fermosa ou un recuncho con encanto. Todo me sirve e se me atopo algo interesante, sexa onde sexa, sácolle unhas fotografías e gárdoas ata que se me dá por reproducilas nun lenzo». Luís Noya asegura que non é home de grandes retos, senón máis ben de marcarse obxectivos sinxelos para a súa satisfacción persoal: «Aínda que me teñen mercado algunhas obras, non pinto coa intención de vender. Os meus fillos veñen e levan os cadros que queren».

Retratando aos grandes

Iso si, o rianxeiro recoñece que ten realizado por encargo un feixe de retratos, outra das súas especialidades: «Teño moitos de particulares, pero tamén me atrevín con persoas coñecidas como Dalí, Picasso, Rosalía de Castro ou Manuel María». Traballar cunha soa cor é para el un reto e unha satisfacción: «Pintar retratos é completamente diferente ao óleo ou as acuarelas. Hai que ter moito tino, xa que se te pasas co negro non hai volta atrás».

O artista de Rianxo elixiu unha serie de retratos de personaxes coñecidos e outra de pinturas, fundamentalmente de paisaxes e rúas da súa vila, para montar unha exposición no auditorio municipal. Completou a mostra recorrendo a algunha daquelas esculturas que fixera ao comezo da súa traxectoria como artista, unha faceta que aparcou por completo cando descubriu a pintura: «Antes, no taller no que traballaba, tiña todas as ferramentas á man, pero desde que me xubilei só quero lenzos e pinceis».

Luís Noya asegura que a pintura foi para el o mellor dos descubrimentos: «Veume estupendamente, porque estou entretido todo o día e considero ademais que nunca é tarde para aprender». Tanto é así que non dubida en recomendarlle a outras persoas maiores que sigan o seu exemplo: «Sempre lle digo aos xubilados que se busquen unha afección, sexa a que sexa, porque doutro xeito, as horas tardan moito en pasar».