Os maiores de Rianxo dan unha lección de vitalidade no seu día

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

Máis dun cento de persoas participaron nun xantar festeiro no que non faltaron homenaxes e agasallos

13 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cumprir anos é importante, pero máis o é sumar aniversarios conservando as ganas de bailar, de acumular experiencias e de gozar da vida. E niso os maiores de Rianxo demostran cada ano que son un exemplo a seguir, dando leccións de vitalidade como a de onte, cando máis dun cento de persoas se xuntaron no xantar festeiro organizado polo Concello no marco das celebracións da Guadalupe. Era o seu día, e aproveitárono ata que ben entrada a tarde rematou o baile e cada un volveu sobre os seus pasos, non sen antes citarse para a próxima.

Desta volta, os maiores rianxeiros fixeron súa a praza Virxe da Guadalupe. Baixo unha carpa coas lonas entreabertas para que correse o aire, deron boa conta dun menú no que non faltou o marisco. O xantar programouse para empezar ás tres da tarde, pero en vista de que 15 minutos antes xa estaba todo o mundo colocado e a esas horas xa apertaba a fame, comezou a servirse a comida.

Entre gamba e gamba, os 160 comensais reunidos na praza mantiñan animadas conversas cos compañeiros de mesa mentres comezaba a soar a música do dúo Canela Cafuné, encargado de poñer a banda sonora aos primeiros compases da reunión.

Para todos os asistentes houbo un agasallo, un lote de marmelada de pementos de Herbón, pero houbo dúas persoas que mereceron un recoñecemento especial por parte do Concello, porque manterse fiel á cita coa Guadalupe cando un está ás portas ou mesmo supera os 90 anos ten moito mérito. Un deles era José Figueira, o home de maior idade dos que onte acudiron á comida e que ás súas 86 primaveras -en novembro cumprirá os 87- non perde tirada das festas: «Veño todos os anos, de momento, e mais bótolle un baile».

Figura de Che Tembra

José cumpriu e, ao remate da comida, lanzouse á pista mentres soaba o dúo Charada. Pero antes recolleu da man da concelleira unha figura da Rianxeira creada por Che Tembra, igual que a que recibiu Celia Gestoso, veciña de Burés e a muller de maior idade na celebración.

Celia non puido bailar porque ás portas dos 98 anos di que se cansa rápido, pero non lle faltaron as forzas para acudir un ano máis á comida da Guadalupe: «Eu xa dixen que era a máis vella, 97 anos teño xa, e como pasaron de rápido que nin os vin!». E iso que conta que non tivo unha vida fácil, pero agora que pode apúntase a un bombardeo: «Cos desgustos que pasei, e fame, e frío... Se me dixeran a min que ía chegar aos meus anos non o cría, e agora de vella aínda acabo de vir de Sevilla».

A vila volve ao pasado coa celebración do Feirón Mariñeiro (O programa de hoxe)

Rianxo encara a recta final das celebracións da Guadalupe cunha das xornadas máis agardadas, a do Feirón Mariñeiro. Durante unhas horas, a vila viaxará ao pasado, a cen anos atrás, para vender, mercar, tocar, bailar e cantar na feira de 1918.

Ás 11.30 horas comezarán a abrir os postos que se instalarán nas rúas do Cabo da Vila, e ao mediodía empezarán as exhibicións e obradoiros de oficios tradicionais, coma os de ferreiro e oleiro. Durante toda a mañá soará a música e haberá espectáculos de circo e maxia itinerantes a partir das 12.30. Antes de comer, na praza Castelao terá lugar a sesión vermú coa orquestra Magos.

Pola tarde, ás 19.00, o grupo Xilbarbeira actuará nos xardíns da Ribeira, e unha hora máis tarde, nese mesmo lugar, está prevista a xuntanza de veciños e gaiteiros para cantar ao unísono A rianxeira. Xa á noitiña, na praza Rafael Dieste haberá unha nova edición da Noite Folk cos grupos Os Viqueiras, Alvariza e Radio Cos.