«Busquei unha maior presenza feminina na agrupación»


Foi a nai de Dolores Gómez, pertencente a unha familia de mexilloeiros, a que mercou a primeira batea, á que logo se sumaron outras. Aínda que esta rianxeira cursou estudos de Administración, sempre tivo claro que o seu traballo ía estar no mar: «É algo que me gusta». Hai catro anos, cando chegou o momento de renovar a directiva en Aspromeri, non dubidou en presentar a súa candidatura e os sucesivos respaldos que tivo poñen de manifesto a súa capacidade. Na bisbarra é a única muller que dirixe un colectivo deste tipo.

-Hai bastantes mulleres vinculadas ao sector bateeiro, pero teñen escaso protagonismo.

-Aínda que haxa mulleres copropietarias, déixaselles o protagonismo aos homes. Nesta nova directiva busquei unha maior presenza feminina. Somos catro mulleres. Iso si, non foron escollidas só polo feito de selo, senón que lle fixen a proposta a persoas que coñecen o oficio porque traballan nel. A secretaria de Opmega é unha muller, Maruxa, que é de Muros, pero é certo que os homes desempeñan un papel máis relevante.

-Estanse creando organizacións que buscan dar unha maior relevancia ao colectivo feminino que traballa no mar.

-Precisamente, eu son tesoureira da asociación Mulleres do Mar de Arousa, que preside a vicepatroa maior de Cabo de Cruz, Susana Silva. A incorporación da muller a traballos que antes facía en menor medida, como ser patroa de embarcacións, é cada vez máis elevada. É necesario que se nos teña en conta. Eu, por exemplo, teño o título de patroa costeira polivalente. A min animáronme os compañeiros a presentarme a primeira vez ás eleccións e fíxeno porque tiña a mesma capacitación que eles.

-¿Hai relevo por parte da xente moza neste sector?

-Hai incorporacións ao traballo, pero o que nós buscamos é que haxa xente nova na directiva. Por exemplo, hai unha rapaza que non chega aos 30 anos e que é patroa. Penso que falta implicación na xente moza e intentamos que se metan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

«Busquei unha maior presenza feminina na agrupación»