En memoria de Xesús Costa Rodil

X. Ricardo Losada

RIANXO

09 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me gustan as persoas que cada vez que falan mostran, como os vellos cregos, a súa ideoloxía. O mestre rianxeiro don Xesús Costa tiña ese defecto. Pero no que en outros era un costume insufrible, nel era un hábito entrañable. Porque don Xesús, que sempre falaba desde uns esquemas mentais moi ríxidos, era unha persoa coherente. Non era deses mestres que di estar comprometido co ensino público e cos alumnos desfavorecidos en abstracto, e que logo non se preocupa por saber se as causas do fracaso escolar están nun entorno social e familiar empobrecido. Don Xesús implicábase, mesmo se tiña que fomentar actividades, como o balonmán ou as excursións pola contorna, que nada tiñan que ver coas súas obrigas profesionais. O mesmo que facía, con ese sentido republicano que o caracterizaba, coa memoria histórica ou a historia de Rianxo.

Hai anos pedíronme unha pequena nota biográfica sobre el, e o primeiro título que pensei foi «O home que convertía os defectos en virtudes e as virtudes en defectos». Porque tamén é certo que virtudes que don Xesús tiña en grao moi elevado, a bondade, por exemplo, acababa converténdoas en defectos. Así, moitas veces non era quen de controlar as clases polo excesivamente comprensivo que era, e porque partía duns presupostos pedagóxicos demasiado optimistas. Os seres humanos somos bos por natureza e é o sistema, capitalista neste caso (un sistema que el deploraba), o que nos corrompe. Teño para min que lle supuxo un enorme desgaste psicolóxico chegar ata a xubilación amarrado a esa firme convicción, unha convicción á que non quería renunciar porque se remontaba á súa propia educación no seu Cervo natal.

Teño oído a moitas persoas dicir que a súa referencia vital é o Balbino de Memorias dun neno labrego, ese neno pobre que dicía ser un ninguén e que tiña que padecer as ínfulas de Manolito, o fillo do cacique local. Podo dicir que cada vez que lle escoito dicir a alguén iso (Eu son un ninguén como Balbino), sei que me atopo ante un cínico que toda a vida aspirou a ser, como o pai de Manolito, un cacique. Don Xesús Costa Rodil foi unha das poucas persoas, que eu coñecese, cuxo referente vital foi Balbino. E non porque fose un ninguén, senón porque sabía que xa non o era e que, en consecuencia, tiña a obriga moral de darlles a quen si o eran as armas desa educación na que con tanto fervor cría.