Unha non sabe onde meterse


Hai días, ou épocas, nos que unha non sabe onde meterse e acórdase de Mafalda cando pedía que o mundo parase para baixar. É unha expresión moi socorrida, pero ás veces é inevitable acudir a ela en vista de como anda o panorama por este planeta, empezando por este país, ao que moitos se declaran orgullosos de pertencer, sobre todo en plena febre mundialista.

Non é demagoxia, pero a comparación co mundo do fútbol é tan obvia que resulta inevitable. Porque mentres se gasta unha millonada nun torneo deportivo, hai preocupantes reflexións de cidadáns que botan as mans á cabeza porque en Valencia desembarcou un grupo de persoas, mulleres, homes e nenos, que foron rescatadas dunha morte segura no medio do Mediterráneo e que, á vista dalgunhas opinións, van ser a ruína deste Estado.

Pero, como con isto da globalización é difícil permanecer alleo ao que acontece no resto do mundo, a opción de emigrar a outro país en busca doutros valores perde interese. Porque coincidindo co desembarco dos migrantes do Aquarius, sucedíanse os titulares do ministro de Interior italiano referíndose a esas persoas como carne humana, coma unha mercadoría, algo extremadamente grave, máis aínda vindo dun dirixente político. As cousas non melloran, porque nestes días hai en Italia protestas contra o racismo, algo que, salvo en pequenos redutos de poboación, parecía superado no mundo «desenvolvido». E a UE mira cara outro lado.

Mentres, ao outro lado do Atlántico, outra aberración sen cualificativos suficientes para definila en toda a súa dimensión. Nos Estados Unidos de Donald Trump sepárase aos nenos migrantes dos seus pais e acaban encerrados en gaiolas. O estupor da cidadanía deste planeta (quero pensar que da maior parte) e o da comunidade internacional é un clamor. Pero non pasa nada. Nunca pasa cando a pelexa está entre os máis poderosos e os que o único poder que teñen é o da súa dignidade.

Pode parecer que isto nada ten que ver co Barbanza, pero non é así, obviamente aféctanos a todos. E nestes lares tamén quedan persoas que tratan de combater o sinsentido a pesar de críticas feroces como as que recibiu o arcebispo de Tánxer, Santiago Agrelo, que publicamente se puxo do bando dos débiles criticando á Igrexa á que serve por permitir que nos seus medios de comunicación se lancen mensaxes en contra dos inmigrantes. Haberá a quen só lle pareza un xesto sen importancia, pero é un xesto entre tanto odio.

E non pasa nada. Mentres tanto, nas fiestras e balcóns de todos estes países «civilizados» seguen a colocarse con orgullo as bandeiras nacionais pendentes do que pasa en Rusia. Pois hai ben pouco do que sentirse orgullosos.

Autor Marta Gómez CIUDADANA

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Unha non sabe onde meterse