Viaxes interxeracionais

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

RIANXO

08 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son persoa de pouca memoria, pero hai detalles que, sexa polo que sexa, me quedan gravados. Un deles veume hai uns días á cabeza. Agora que centos de mozos da comarca estarán atacados polos nervios agardando o inicio dos exames que decidirán o seu futuro universitario, recordo que cando era eu a que estaba preparando a selectividade a profesora de inglés propúxonos como tema para un comentario de texto o abismo xeracional. Por suposto, non teño nin a máis remota idea de que foi o que escribín naquel momento sobre unha cuestión que, certamente, entendo moito mellor agora que cando era unha adolescente que, como a maioría, sabía de todo moito menos do que pensaba. O caso é que isto me veu á cabeza na fin de semana ao ver a un grupo de persoas maiores de excursión e, con elas, a algún rapaz.

Esa imaxe tróuxome á cabeza outra idea á que lle levo dando voltas desde hai unhas semanas. Foi no cabodano da miña avoa. Lembreime das viaxes que faciamos os netos todos -que xa hai que ter valor porque somos media ducia- cos avós e pensei en que deberían recuperarse as excursións do cura. Así é como chamabamos nós ás viaxes que organizaba o noso párroco cando daban as vacacións no catecismo, e máis alá da orixe relixiosa da expedición, esas escapadas creaban un vínculo interxeracional difícil de conseguir.

Recordo os madrugóns para coller o autobús pola fresca, os bistés empanados, comprar toallas en Portugal que logo estreabamos se nos levaban á praia, e ao avó berrando para que non nos metéramos moi dentro no mar. E o cansazo ao chegar o final do día. Pero, sobre todo, recórdoos a eles.

Por iso reivindico que desde entidades sociais ou veciñais se promovan máis viaxes para vellos e cativos. Penso que hoxe en día hai menos diferenzas entre netos e maiores que as que poden existir entre eu e os meus avós, polas circunstancias nas que se criaron eles e nas que o fixen eu. Pero o abismo xeracional nalgúns aspectos é maior. Quizais porque, aínda que se bote man dos maiores para coidar dos cativos, comparten menos tempo ca antes.

A imaxe dos nenos de expedición cos seus avós que daquela era habitual, hoxe é case excepcional, ata o punto de chamar a atención doutros viaxeiros que se cruzan con eles. Os do grupo do outro día eran da provincia de Lugo, e os dous ou tres cativos que ían con eles eran, a falta dos propios, coma os netos de todos, todos os coñecían e todos lles falaban con familiaridade. Pareceume bonito e reafirmoume na miña idea de que as mellores excursións eran as do cura. Aínda que os que hoxe están preparando a selectividade non o entendan.