Ramón Resúa: De panadeiro a enxeñeiro e construtor

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

marcos creo

O veciño de Araño leva feitos oito barcos a escala e vén de rematar unha casa

04 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitas as persoas que, chegada a xubilación, deciden darlle un xiro radical á súa vida ou, polo menos, á actividade que ocupa o seu tempo. Ese é o caso de Ramón Resúa, un veciño de Araño que estivo 45 anos traballando no negocio da familia, formado por una panadaría e un ultramarinos. Cando o deixou, atopou na elaboración de maquetas a afección perfecta para matar as horas mortas. Tal é agora a súa paixón pola confección das pequenas obras de arte que mesmo dedica a este labor parte da noite. O esforzo merece a pena, pois as súas creacións espertan admiración entre aqueles que teñen ocasión de velas.

Todo comezou cunha promesa que Ramón Resúa lle fixo ao seu neto: «Eu estivera un par de anos embarcado nun mercante e comprometinme a facerlle unha maqueta ao neno». Satisfeito co resultado do traballo, o rianxeiro viuse de súpeto arrastrado por unha especie de bola de neve que non paraba de medrar. Cando aínda non rematara un encargo xa tiña enriba da mesa o seguinte: «Tiña que facerlle algo tamén ao outro neto, así que fun a unha axencia de viaxes, collín un catálogo de cruceiros e construínlle un». E seguiu ata completar unha flota de oito embarcacións: cinco cruceiros, o mercante no que traballara, un veleiro de tres paus e un pequeno barco coma os que antigamente transportaban leña dun lado ao outro da ría de Arousa.

Pero, cando xa se convertera nun experto enxeñeiro naval, Ramón Resúa decidiu que era o momento de afrontar un reto diferente, así que se transformou en construtor para facer unha réplica da vivenda da súa filla. O resultado é unha maqueta de case un metro de largo por 80 centímetros de ancho, á que non lle falta un detalle: ten as mesmas habitacións que a casa real, os baños, escaleiras con balaustradas e mesmo un fogón no salón. O veciño de Araño ata recorreu a un amigo electricista para que se encargara da instalación do pequeno edificio.

Unhas 200 tellas

Tanto nas embarcacións coma na casa, o rianxeiro empregou a mesma técnica, consistente na realización dun armazón de chapas de madeira, que pouco a pouco foi completando con anacos do mesmo material. Na maqueta da casa leva investidos uns tres meses: «Como á taberna non vou, esta é a afección á que lle dedico as horas libres. A min gústame moito durmir, pero ás veces esperto ás catro da mañá e voume para o galpón onde teño as ferramentas a traballar. Gústame moito isto». Confesa que no proceso de construción da vivenda houbo algunhas fases que lle quitaron o sono: «Déronme moito traballo as tellas, pois a casa orixinal tenas de lousa e tiven que facer, peza a peza, unhas 200, que despois peguei de forma individual».

Pero tamén coa confección dos barcos atravesou por fases especialmente complicadas: «O máis difícil é todo o que hai que lixar para que non se noten os empates das pezas. Acabei coas mans e coas uñas desfeitas.» Aínda así, non dubida á hora de afirmar que repetir a experiencia en breve. Comprometeuse cunha empregada da panadaría familiar a confeccionarlle unha maqueta dun barco e agora, rematada a vivenda da filla, ten que poñerse mans á obra. E cando remate con ese encargo, asumirá outros: «Tal vez faga unha vivenda coma a miña, unha casa que ten unha tenda anexa e un patio diante».

Aínda que a satisfacción persoal que sinte cada vez que remata unha obra é para Ramón Resúa a mellor das recompensas, tamén recibe un sopro de enerxía cada vez que un veciño enxalza as súas creacións: «Hainos que veñen á casa só para ver o que fixen, xa que se vai correndo a voz e vanse achegando ata aquí. Claro que me gusta cando me felicitan. O electricista que me veu facer a instalación da maqueta da casa da filla díxome que ese traballo era para quitarse o sombreiro».