«O noso sempre foi o galego»

josé luÍs do pico orjais

RIANXO

ABRALDES

Xosé e Maruxa contan un lote de anécdotas e un feixe de coplas

26 ene 2018 . Actualizado a las 10:57 h.

Parecíanos tremendamente difícil facerlles unha entrevista a Xosé e Maruxa. En primeiro lugar, polo gran respecto que temos por esta parella, toda unha institución na cultura popular do noso país. En segundo lugar, porque ocuparon un espazo tan grande nos medios de comunicación e a súa traxectoria foi tan estudada que temiamos que non quedase ningunha novidade que nós puidésemos achegar. Porén, é suficiente un anaco de conversa con eles para recollermos un bo lote de anécdotas e un feixe de coplas, regalo xeneroso de Maruxa.

-Maruxa, antes de formar parte de Os Rosales tiñas algunha experiencia na música?

-Non, pero sempre me gustou cantar. Cando eu era pequena, todas as nenas nos reuniamos xunto ao cruceiro de Traba, no Araño. Alí había así como unha eira no medio e cando chegaba a fin de semana xuntabámonos á noite. Eu non sei o porqué pero sempre ía á cabeza. Os rapaces púñanse dun lado e as rapazas do outro e botabamos os desafíos. Cantabamos con pandeiretas, todo en castelán. Á noite faciamos unhas chozas de mimosas e metiámonos dentro.

-E lembra algunha daquelas coplas?

-Esta xa cha cantei eu a ti algunha vez -dirixíndose ao seu fillo Pepe-: «Vente conmigo al baile/ niña hermosa/ llevarás un vestido/ color de rosa. Ay la, la, laralá».

-E vostede Pepe, que gaiteiros lembra de cando era rapaz?

-Estaban Os Poteiros, Os Borregos de Taragoña, Marcial de Buía e Os Chancarros, que andaron pouco tempo cunhas gaitas que lles mandaran da Arxentina.

-Eu recordo -cóntanos Maruxa- que os de Traba, o luns de Pascua e mais no sábado, iamos á Casa dos Patricios á festa, que había un gaiteiro, e alí bailabamos e moceabamos.

-No ano 1962 Maruxa entrou a formar parte do grupo Os Rosales. Aquilo debeu ser todo un acontecemento.

-A forma en como entrou Maruxa foi que meu irmán, en Escarabote, ao subir a un palco que había feito con catro táboas, caeu da esqueira e escordou un brazo, polo que houbo que escaiolalo e non puido tocar. Eu vinme tan apurado que quixen buscar outro, pero foi cando veu a emigración e aquí non quedou un home, veña para Suíza, veña para Francia... Non encontraba a ninguén. Entón, dime a miña muller: «Mira, non busques máis, vouche eu co bombo». Iso a min impoñíame porque non era moi normal, pero o certo é que, cando non viña meu irmán a ensaiar por culpa do mal tempo, ela collía o bombo e eu sabía que me ía responder. Así que lle dixen que viñese para esas datas que faltaban. Pero a onde chegou a cousa! Resulta que despois as comisións xa non querían o grupo se non levaba a muller. Eu dicíalles o motivo polo que tivera que ir ela e que era algo eventual, mais eles entón protestaban: «Ai non, pois se non vai a muller, non, que total grupos de homes tamén os temos alá...».

-Subiamos aos palcos e eu presentaba os temas -comenta Maruxa-, e a xente entendíanos máis a nós que ás orquestras porque faciamos todo en galego, non estabamos asustadiños, poñiámonos diante e transmitiamos o que nos gustaba, o que nós sentiamos. Porque as orquestras cantaban en castelán, pero o noso sempre foi o galego. Cando empezou o meu fillo Pepe co tambor, facíame a segunda voz e daba gusto oírnos. Despois entrou Mario, e Pepe pasou para a gaita e aquilo era un espectáculo.

-Outra actividade súa no mundo da gaita foi como profesores. Cantos gaiteiros sairían da canteira de Os Rosales?

-Eu (Xosé) din clases no Simón Varela de Asados, pero tamén fixen a banda Relinga, de Muros; contratáronme do Concello. Despois meu primo, Alfredo Romero, de Isorna, díxome que o seu soño sería tocar algún instrumento e tocar nun grupo de gaiteiros, así que fixemos a banda de gaitas Ollando as Cercas, de Isorna. Por alí pasaron tamén moitos rapaces e rapazas, e xente xa máis maior, como o meu primo, que foi acompañado dos seus fillos. Tamén me chamaron para ir dar clases a Bruxelas, no Centro Galego, onde fun con Maruxa e botamos dous meses. Como tiña que volver para Asados, quedou no meu sitio o meu fillo Mario. Maruxa tamén me axudaba ensinando os da percusión e deu clase de canto e pandeireta en Catoira.

-En 1981 gravan o seu primeiro disco, Lembrando, dedicado ao Centro Sociocultural Simón Varela, unha auténtica homenaxe á súa parroquia, Asados, e por extensión, ao concello de Rianxo.

-A portada fíxoa Xosé Comoxo, que debuxou unha gaita, a capela de Santa Lucía, o escudo do pazo dos Torrado, e as caricaturas de Castelao e Manuel Antonio.

Como colofón a esta entrevista, nada mellor que os fermosos versos que Xesús Santos escribiu para esa portada:

«Gaiteiros de Asados,/ Rosales de leda muiñeira,/ soñando alboradas/ nunha noite sen fronteiras.

Fol de feitizo redentor/ levando no punteiro unha flor/ de alalás e aturuxos/ metade anxo,/ metade bruxo».