Perfecto Gómez: Un rei Mufasa convertido en lobo feroz

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / L,A VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Forma parte do elenco do gran musical de «Shrek» que se estrea na vila de Castelao

10 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguro que calquera que teña inquedanzas, reciba a formación axeitada e poña o empeño necesario pode chegar a ser actor dunha compañía de teatro afeccionado. Co tempo, incluso pode ser quen de percorrer escenarios de toda Galicia cunha gran montaxe. Perfecto Gómez é a proba vivinte de que querer é poder, polo menos no mundo do espectáculo. O sábado aparecerá sobre as táboas do auditorio de Rianxo convertido en lobo feroz, primeiro, e en doce avoíña, despois. Será no arranque da xira de Shrek, o musical que a asociación vilagarciá Coda creou a partir da película protagonizada polo singular ogro verde.

Os rianxeiros xa tiveran ocasión de ver ao seu veciño, de sobra coñecido pola súa faceta de hostaleiro, sobre o escenario do auditorio en marzo do 2016, cando acudira como parte do elenco da mesma compañía para outro musical, O rei da sabana, que non deixou a ninguén indiferente. Daquela fora el o que puxera a condición de que a montaxe recalara na súa terra: «Tivera que substituír ao actor que desempeñaba o papel de Mufasa e aceptei a cambio de que o espectáculo chegara a Rianxo, porque quería que o meu pobo gozara dunha actividade cultural destas características».

Cando aquela primeira vez se enfrontou ao seu público, Perfecto Gómez levaba pouco máis de tres anos en Coda, unha asociación musical e cultural na que se enrolou por mor da súa filla: «Ela quería formarse nesta materia e recomendáronme esta escola. Como tiña que ir levala a Vilagarcía e esperar alí ata que remataran as clases, decidín aproveitar o tempo matriculándome eu tamén». Recoñece que a paixón polo mundo da farándula xa lle viña de atrás, aínda que a tiña sen explotar o suficiente: «Sempre me gustou moito cantar e hai uns cinco anos empecei a divulgar vídeos por Internet, teño unha canle de Youtube e tamén recorro ao Facebook».

Vídeos case virais

Asegura que os primeiros vídeos tiñan un fin publicitario, pois quería dar a coñecer o seu restaurante, O Furancho, pero non tardou en collerlle gusto á afección. Tanto que, dúas das súas composicións, un tema dedicado a un coñecido delincuente do pobo e unha canción protesta en favor da flota xeiteira, case acadaron o nivel de vídeos virais.

Agora, hostalería e teatro déixanlle pouco tempo para a canción, aínda que non lle importa demasiado. El non é un dos actores principais de Shrek, pero está tan ilusionado coma se o fose. Desexando que chegue a estrea para comprobar a reacción do público, sinala que se queda coa experiencia vivida: «Cos ensaios, coas anécdotas compartidas, coa loita por sacar adiante este gran espectáculo, coas probas de maquillaxe... O escenario tamén é importante, pois un ten a oportunidade de transmitir o traballo realizado durante tanto tempo e de chegar á xente».

El ten claro que, se O rei da sabana fixo que Coda se gañase un posto relevante a nivel Galicia no eido dos musicais, Shrek será a consagración definitiva: «Vai impresionar por diferentes aspectos, desde o escenario ata a maquillaxe, pasando polos actores principais, que son excelentes». Non dubida en asegurar que se trata dunha gran aposta, que supera incluso á anterior: «É un musical máis completo, tanto no eido das coreografías como no dos diálogos».

Ao igual que o resto do elenco de Coda, Perfecto Gómez confía en ter a axenda ocupada ao longo duns tres anos, período no que a agrupación espera ter en cartel esta montaxe, despois de mercarlle os dereitos á produtora da película, Dreamswork. Non quere desvelar o futuro, aínda que semella que algo lle bule xa pola cabeza: «Sempre pode haber sorpresas. O que está claro é que este mundo gústame».