As fichas do Tetris

RIANXO

10 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Web Summit que leva toda a semana celebrándose en Lisboa reúne a máis de 60.000 empresarios de 170 países que poden optar por asistir a máis de 1.200 relatorios sobre emprendemento, posicionamento global e ligazón das tecnoloxías coa industria. É o maior evento tecnolóxico do planeta e nel defínense as liñas e as tendencias do mundo empresarial para o futuro inmediato.

A incerteza da situación catalá, a saída británica da Unión Europea e a estabilidade de Portugal foron algúns dos temas estrela, no que á comunidade europea se refire, ofrecéndose o propio goberno luso a acoller o tecido empresarial que busque un novo lugar para se asentar.

A carencia dunha maioría estable no parlamento español é outro alicerce máis do receo dos investidores, e a falla dun orzamento anual frea os mercados e impide políticas activas, tamén as de vivenda.

Aínda que pareza que estou disertando sobre temas económicos, estou pensando en termos de rehabilitación arquitectónica e de vivenda nova, porque as accións encamiñadas a levar a cabo novas construcións ou a reformar o noso patrimonio popular veñen impostas polo propio mercado, e as decisións sobre a política municipal de vivenda tómanse en Madrid.

É así como os atrasos na sinatura de convenios para a tramitación de axudas á rehabilitación son por mor de se adaptar ao ritmo imposto polo ministerio, que non deixa marxe ningunha de actuación aos concellos con políticas activas de rehabilitación.

É así como vimos dun período relativamente retardado e lento, que semella que comeza a mellorar, pouco a pouco, pero que pódese ver truncado pola inseguridade política.

Enmarcados na perspectiva global que sinalan varios indicadores: o cambio climático, o descenso demográfico ou as directrices europeas sobre reciclaxe, reutilización e eficiencia enerxética, non cabe outra que mirar polo camiño da restauración do patrimonio inmobiliario, con ou sen axudas estatais, polo que temos que mentalizar aos cidadáns e aos alcaldes de que este xa é un departamento máis (como asuntos sociais, urbanismo e obras, cultura) e que talvez deban incluír nos orzamentos municipais partidas para axudas, pensadas para as persoas e con atención especializada de proximidade.

Tal e como se fai noutras comunidades autónomas, as distintas Administracións xúntanse para favorecer políticas municipais na construción e xestión de vivendas protexidas para que deixe de ser o mercado o que marque as tendencias e os cidadáns deixemos de ser fichas do Tetris para ser tratados como tratan nos países avanzados da Unión Europea dende hai moitos anos.

Carlos H. Fernández Coto é arquitecto.