Abarrote gaiteiro no Feirón Mariñeiro

Marta Gómez Regenjo
M. GÓMEZ RIANXO / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

As rúas de Rianxo enchéronse de xente e músicos que animaron o mercado artesanal ambientado na vila de 1917

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Rianxo viviu onte un dos feiróns mariñeiros máis concorridos dos últimos anos, en cuxo éxito tivo moito que ver o bo tempo que reinou onte. Si o ano anterior a choiva empanou a celebración, nesta ocasión foi todo o contrario e os veciños e visitantes botáronse ás rúas para percorrer os numerosos postos instalados no casco histórico rianxeiro, onde se podían atopar desde figuras de ferro elaboradas en vivo e en directo por Che Tembra, ata orixinais pezas creadas por mestres canteiros e ebanistas, e todo elo nun escenario ambientado como a vila en 1917.

Non faltaron tampouco os postos nos que se podían adquirir todo tipo de instrumentos musicais, e outros nos que se puxeron á venda cestos, flores, complementos de coiro, tellas decoradas ou roupa. Todos estes postos mesturáronse con outros nos que se ofrecían unha gran variedade de doces, empanadas, embutidos e outros manxares.

O ambiente festivo non decaeu á hora do xantar, xa que moita xente decidiu probar os menús que se ofrecían nas tabernas que se instalaron para este feirón, e que rivalizaron cos comedores que moitos veciños montaron ás portas das súas casas, onde colocaron mesas e cadeiras para gozar dunha comida festiva ao aire libre acompañados de toda a familia e amigos.

Os grupos de músicos espontáneos con gaitas e pandeiretas tamén se quixeron sumar á festa, e foron tocando por todos os recunchos do casco histórico para animar á xente a gozar deste mercado artesanal que Vai a máis en cada Guadalupe.

traca final entonando a «rianxeira»

As festas de Guadalupe despediranse hoxe cunha xornada que comezará con xogos e inchables para nenos, a partir das once da mañá, na praza Virxe de Guadalupe. Á mesma hora, pero na praza Castelao, celebrarase o taller Golf Pitch & Putt, e á unha da tarde haberá unha festa da escuma. O grupo Triunfo amenizará a sesión vermú e, pola noite, as bandas Art or Adrenaline, Vos Esquíos, Golden DX e Asfire actuarán no festival Rianxo on Fire (22.00 horas). A gran traca final chegará ás dúas da madrugada, cando a praza Castelao iluminarase cunha marea de bengalas ao mesmo tempo que se entoará a «Rianxeira». As orquestras Triunfo, Miramar e Harmonía Show tocarán na verbena ata o amencer.

Dispositivo especial de seguridad

Rianxo prepárase para recibir esta noite a unha avalancha de persoas que acudirán ao municipio a despedir os festexos. Por este motivo, a Policía Local deseñou un dispositivo especial de seguridade que mobilizará a preto de medio centenar de axentes, entre os propios efectivos rianxeiros e os da Garda Civil, ademais de voluntarios de Protección Civil, tres ambulancias co apoio do persoal do centro médico, un guindastre para a retirada de vehículos, así como o reforzo dos servizos de taxi e bus.

Para evitar colapsos de tráfico ás entradas do municipio, recoméndase que todos os vehículos que accedan á localidade desde a zona de Catoira-Pontevedra eviten a vía rápida e opten polos enlaces de Isorna e Leiro, desde onde poderán dirixirse á zona de aparcamento situada na contorna de Punta Fincheira, o cemiterio e Xogo dos Bolos. Esta explanada, que conta con preto de mil prazas de estacionamento, está situada a apenas 200 metros da praza Castelao.

 

Procedencia de Barbanza

Pola súa banda, os turismos que cheguen á localidade desde o resto de direccións, deberán circular cara á zona de Rianxiño, situada a 300 metros da verbena, que dispoñerá doutro milleiro de prazas para poder aparcar.

A Policía Local tamén recordou que os microbuses poderán acceder ao estacionamento situado á entrada da praza Castelao, e que os mozos teñen á súa disposición o servizo de buses da movida.