O xantar dos maiores de Rianxo ou a fonte da eterna xuventude

p. bretal RIANXO / LA VOZ

RIANXO

Os veciños da vila máis veteranos gozaron dun banquete que estivo acompañado dunha animada sobremesa con actuación musical

14 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cincuenta quilos de lagostinos, 180 de polbo, 45 de carne guisada e nove pranchas de torta de San Marcos. E chupitos, moreas de chupitos. Esta foi a inxente lista da compra que conformou o menú do xantar dos maiores en Rianxo, que tivo lugar no pazo de Rianxiño onte ao mediodía, no marco da celebración das festas da Guadalupe. Un auténtico banquete fraternal ao que asistiron 150 dos veciños máis veteranos desta vila mariñeira.

Como en anteriores ocasións, este acto non tería sentido se ao remate da comida non houbese unha axeitada banda sonora -a maiores das entoadas furtivas de A rianxeira-, coa que bailar pegado ata baixar todos aqueles manxares. Nesta ocasión ocupouse un picadiscos, que os maiores de Rianxo viviron coa enerxía dun adolescente ante unha cabina móbil no peche de calquera festa estival.

Antes de que chegase o momento de sentarse á mesa, celebrouse unha misa na honra da Guadalupe e, á saída do tradicional oficio relixioso, a Banda Municipal de Música de Arcade, unha formación habitual nesta festividade dende hai varios anos, amenizou coa súa música o primeiro vermú do día.

As loitadoras

«Estou moi emocionada, encántame estar con todo o mundo», destacou María Ordóñez, a rianxeira de 89 anos á que se lle fixo entrega dun ramo de flores a modo de agasallo, por ser das máis avanzadas en idade de todos os presentes. A veciña explicou que se sentía moi agradecida pola homenaxe e rememorou os tempos nos que traballou atendendo un pequeno establecemento de comestibles ou levando xouba a vender a Cesures; méritos máis que suficientes para agora dedicarse a pasar o tempo cos seus netos e fillos.

Sen embargo, a rianxeira máis maior do xantar volveu a corresponderse co rostro de ledicia de edicións anteriores. «Traballei moito, pasei moita fame e desgustos e aínda así aquí me tedes. Hoxe tócame bailar co máis guapo», indicou feliz Celia Gestoso, de 91 anos, unha idade que moitos non se atreverían a crer polas doses de enerxía que amosou.

«Para eles este é o seu día da Guadalupe, no que saen xuntos e no que non teñen que estar pendentes da comida dos que van á festa», afirmou Adelina Ces, a tenente de alcalde rianxeira, para adiantar que este ano quixeron que os detalles e obsequios do Concello chegaran a todos os participantes no xantar. Deste xeito, cada un dos presentes puido levarse unhas latas de conservas de xoubas ou de sardiñas galegas.

O Feirón Mariñeiro marcará a xornada

A Banda de Música de Redondela dará o inicio, ás 10.00 horas, a un día no que o prato estrela será o Feirón Mariñeiro no casco histórico. Haberá obradoiros e postos de venta tradicionais. A Cé Orquestra Pantasma animará as rúas pola tarde, igual que Xilbarbeira, para reunirse nos xardíns da Ribeira, ás 20.00 horas, na rianxeira popular. Pola noite actuarán Os D’Abaixo, Airiños da Freba e Os da Porfía, así como as orquestras Palladium e Marbella.