A Moreniña pásase á procesión 2.0

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Centos de persoas, a maioría equipadas con cámaras e móbiles, seguiron o paso da comitiva polo peirao de Rianxo

11 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Rianxo, a devoción pola Virxe da Guadalupe mantense intacta, un fervor herdado dos antepasados que sobrevive co paso das décadas. Pero, coma todo, a festa e a fe evolucionan cos tempos, e onte quedou demostrado que a Moreniña está perfectamente integrada no mundo globalizado e que soubo dar o salto á procesión 2.0. Porque, dos centos de persoas que onte seguiron o percorrido que fixo a comitiva presidida polas dúas imaxes da virxe ao longo do paseo da Ribeira, unha ampla porcentaxe quixo inmortalizar o momento con cámaras e teléfonos, e incluso, retransmitilo en directo a través dos seus dispositivos móbiles.

Mentres o presidente da comisión das festas da Guadalupe, Ramón Iglesias, o Xixí, trataba de poñer orde na procesión, entre o público que seguía o desfile no seu camiño cara o peirao emerxían brazos en alto na busca dunha foto ou espontáneos que se metían polo medio na procura do mellor ángulo posible para gravar o paso da virxe. Outros o que pretendían era deixar testemuño gráfico da participación dos seus cativos nunha procesión capaz que reunir a varias xeracións.

Desta volta, o percorrido que realizou a comitiva foi máis longo do habitual obrigado pola marea. A baixamar impediu que a Guadalupe embarcara desde a rampla na que o fai sempre e houbo que andar uns metros máis.

A bordo

Na rampla situada a carón dos estaleiros agardaba o Vicente Mosquera, cun lugar de honra reservado para as dúas imaxes da Moreniña que navegan pola ría nas festas. Este ano fixérono escoltadas por unha trintena de barcos, ademais doutras embarcacións pequenas, que, despois de abandonar o peirao, se achegaron ata as inmediacións da Torre e de Neixón e logo aproximáronse ao Bodión antes de poñer rumbo á praia de Quenxo, onde agardaba a terceira imaxe da Guadalupe, a de bronce que se instalou hai uns anos para cubrir o oco que deixou no seu día a virxe de Asorey.

Alí volveu soar A rianxeira antes de regresar a porto para, unha vez rendido tributo á Moreniña, dar paso á parte festiva da xornada. Comida familiar, romaría vespertina na Ribeira, a actuación de Vai de Roda, a verbena e fogos de artificio completaban o programa de onte.