A loita polo centro de día

Concha Sánchez Cambeses RIANXO / LA VOZ

RIANXO

29 ago 2017 . Actualizado a las 16:29 h.

Penso que a loita por un centro de día para Rianxo e a batalla máis importante, que como pobo, estamos librando nestes momentos. Un centro destas características é un servizo básico, esencial para a comunidade, e todos os pobos do país deberían contar con un; con máis razón Rianxo que conta con case tres mil veciños e veciñas que xa superan o 65 anos. Pero lamentablemente, por motivos de saúde, (vinculados ao estrés) e agravados pola miña idade, fan imposible que siga participando na Plataforma como o viña facendo ata o de agora.

Non podo máis que orgullecerme de todo o traballo que entre todas e todos fixemos ata o de agora. Concentracións, manifestacións, protestas e un peche no salón de plenos do concello que xa dura máis de mes e medio. Crer, organizarse e loitar e xa unha vitoria. Por iso quero agradecer a todas as persoas que dalgún xeito colaboraron con nós durante todo este tempo: ás deputadas Eva Solla, Luca Chao, Yolanda Díaz, Mini, Montse Prado e Xoaquín Leiceaga que visitaron o encerro e nos dedicaron verbas de ánimo e apoio; ao Delegado Territorial da Xunta na Coruña e ao Xerente do Consorcio Galego de Benestar, que viron a ben recibirnos na Coruña aínda que non para atender a nosa demanda; e sobre todo ao pobo de Rianxo no seu conxunto, polas mostras de apoio, polos folgos, por acudir en masa ás manifestacións e concentracións convocadas e pola simpatía que sempre mostraron polos membros da plataforma, non me engano cando digo que non hai pobo máis rebelde (no bo sentido) co noso.

Quero tamén agradecer o traballo e a solidariedade das compañeiras e compañeiros da Plataforma, que dende o principio loitaron e loitan, desinteresadamente, polo que consideran xusto. Todo o meu ánimo e apoio; non teño a máis mínima dúbida de que máis cedo que tarde a Xunta de Galicia non terá máis remedio que construír un centro de día no pobo, e será gracias ao esforzo de todas e todos.

Gracias e ánimo a todas e todos!

Concha Sánchez Cambeses é fundadora da plataforma veciñal rianxeira polo centro de día.