A lectura é imprescindible para ser autora

La Voz

RIANXO

30 jun 2017 . Actualizado a las 11:30 h.

Natalia Carou Figueira deuse a coñecer como escritora no ano 2012 coa novela O alento nas costas, unha obra que reúne unha historia medieval e unha historia contemporánea, ás que se une a lenda de Abuín, no termo municipal de Rianxo, a chamada «aldea maldita», que xa recollera Castelao nas súas Cousas, no relatiño Camiño esquecido.

No ano 2017 tira do prelo, na editorial Baía, outra novela, A cova da moura, inspirada no pazo de Soutomaior, na que volve empatar a historia medieval de Galicia co mundo contemporáneo, con dúas protagonistas femininas moi fortes, e na que agroman temas universais: o amor, o abuso de poder, o problema das mulleres, a guerra, o misterio. E non esquece, outra volta, o mundo das lendas históricas galegas. Sempre con ritmo áxil, ben documentadas.

Pero estamos no mundo da tecnoloxía e, xa en formato dixital, edita unha novela en castelán, Mariposas tristes (Harpercollins-HQÑ), situada na Galicia de principios do século XV, unha historia con protagonista feminina, unha historia de superación entre o Santiago suburbial e a Ribeira Sacra.

Aprender doutros

Natural de Boiro, Natalia Carou cre imprescindible a lectura para escribir, xa que serve «para aprender doutros escritores, estimular a linguaxe e avivar a imaxinación». Entre os seus autores favoritos, García Márquez, Antón Riveiro, Inma López Silva, Manuel Rivas, Inma Chacón, Almudena Grandes, Víctor Hugo, Paloma Sánchez Garnica e mesmo Torcuato Luca de Tena; gaba tamén o seu contemporáneo Héctor Cajaraville, gañador do premio Meiga Moira con Denébola a Roxa.

Entre os proxectos en marcha, ten unha novela a medio escribir. Unha escritora que pretende espertar emocións, illar os lectores da rutina e levalos a vivir outras vidas. Tamén pretende que os lectores reflexionen sobre valores e comportamentos presentes onte e hoxe.

Literatura de fronteira, entre a Idade Media e o noso tempo, válida para adultos e adolescentes, creadora de fortes personaxes femininas e que logra integrar narrativamente o mundo das lendas galegas para preservar a nosa cultura popular, a tradición, as vellas palabras. Pero sempre cos pés ben fincados na actualidade.