Incluso a festa máis longa ten un final, pero ¡que final!

RIANXO

MARCOS CREO

Aínda que este ano acudiu menos xente a Rianxo, a Policía Local fala de máis de 25.000 asistentes á emotiva despedida

18 sep 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

A Guadalupe 2016 non chegou ao seu fin, aínda que o pareza, porque o martes celebrarase a verbena aprazada do pasado luns, mais non é o mesmo, porque o broche de ouro xa está posto. Encargáronse as máis de 25.000 persoas que, segundo a Policía Local, acudiron á vila de Castelao para cantar A rianxeira ás dúas da madrugada de onte. Menos xente, si, que en anos precedentes, pero non menos emoción.

Non se sabe se polo frescor das noites anteriores ?e na última non foi menos? ou se porque o verán foi tan bo que non quedaron arrestos, pero o certo foi que, xa unhas horas antes, había síntomas de que a avalancha ía ser menor porque non había atascos para entrar en Rianxo. Pero ao fío da media noite empezáronse a encher, primeiro, os aparcamentos disuasorios; despois as rúas; e, a falta de unha hora para a gran cita, a praza Castealo.

A comisión habilitou postos de venta de bengalas, coas que competían vendedores ambulantes, pero o público decantábase mais polas oficiais que polas outras, no fóra ser o demo que ocorrese como hai dous anos e a festa acabase chafada polo fume.

E así foi como ás dúas da madrugada en punto, a orquestra Aché empezaba a cantar A rianxeira e miles de puntos de luz emerxían por encima do mar de cabezas da multitude que non quixo perderse a noite máxica. Aché pasou a testemuña a Gran Parada, que empezou a canción novamente desde o principio ao unísono cun público que repetía a letra de Xesús Frieiro Dourado, Pinciñas, á que lle puxo música Anxo Romero Loxo cando ambos os dous estaban na emigración. E foi a orquestra Samba a que rematou a interpretación. Pouco máis de dez minutos coroados polos fogos artificiais, os vivas a Rianxo e á Guadalupe.

«Que bote Xixí»

E se a cantata é unha tradición, non o son menos as palabras de despedida de Ramón Iglesias, O Xixí, ao que sempre reciben coa invitación unitaria «¡que bote Xixí!», e el, que é tan ghiadiño, fai o que pode, e pega pequenos brinquiños acompañados de algún queixoso «ai!», porque os anos non pasan en balde. Iglesias da a benvida a todos, a propios e a forasteiros, e xa empeza a pensar na seguinte edición explicando á xente o importantes que son as festas da Guadalupe, un legado que vén de moitas xeracións. E ten tamén bos consellos: «Non collades o coche, se bebedes», «pasádeo ben, con sentidiño»... e volta con que O Xixí ten que botar, e el responde con un «que bote a praza», e todos botan pola Guadalupe.

Se exemplar é a festa, non é menos a labor da Policía Local, que fai un despregue tal que nin sequera hai atascos para saír da vila. Porque Rianxo sabe de festas máis que ninguén, por tanto fai as máis grandes.