Amigos e inimigos das festas

RIANXO

17 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos en tempo de festas; tempo de gozo para uns e de sufrimento para outros; tempo de contradicións, e de debates, hoxe que todo é susceptíbel de ser debatido, de ser cuestionado, de ser, incluso, queimado na fogueira das redes sociais. Si, é verdade, as festas alteran a normalidade dun pobo, incluso a convivencia, e o sono dos cidadáns... pero son festas, e festa é música, diversión, un alto no quefacer. Entendo que haxa xente á que non lle guste a festa, pero non entendo a quen trata de acabar coa festa porque se salta todas as normas baseándose en que é festa, e cando é festa, todo vale, incluso mexar nas portas das casas, chamar aos timbres, romper vasos e botellas nas rúas... os que fan isto son os verdadeiros inimigos das festas, os que poden rematar con elas, os que todas as comisións e organizacións deberían de tratar de excluír. Cada festa ten o seu aquel. A min gústanme todas, precisamente por ese feito que tanto deturpa a outros: porque alteran a normalidade, polo alboroto da mestura de ruídos, polas luces de cores, polo esforzo das organizacións que, en moitos casos, fan milagres para acadar dignísimos programas, porque unha boa festa non ten que ser a que máis orzamento teña, senón a que máis imaxinación programe, e aquí temos a Festa da Dorna, unha demostración de que con enxeño e implicación se poden facer grandes festas, como fan os de Rianxo coa Guadalupe, unha simbiose da festa tradicional coa imaxinación de aqueles que, ao longo dos anos, foron incorporando ocorrentes actividades. Pero tamén teñen mérito as outras festas, as de sempre, de bombas de palenque, pasarrúas, alboradas, verbena e fogos de artificio, porque só o feito de fixar uns días ao ano para que a xente se divirta merece ter a recompensa da participación. Galicia é a terra das mil festas, e hainas de todas as cores e contidos, e a nosa bisbarra é exemplo de variedade, porque neste territorio conviven celebracións de todo tipo. Este verán está sendo bo para as festas, porque o tempo acompaña, e foi clave para o abarrote que houbo en Boiro e tamén determinará o éxito ou o fracaso das demais citas, porque, non nos enganemos, nin a orquestra máis de moda, nin a actividade máis ocorrente pode coa chuvia, ese convidado indesexábel que no pasado inverno honrounos coa súa presenza máis tempo do necesario, e agora merecemos unha compensación. Pola festa, polo esforzo de quen as fai e incluso pola chuvia, gocemos coa festa, con todas as festas, aínda que alteren a convivencia, porque para iso son, para rachar coa rutina, para compartir coa familia e cos amigos. Xa virá de novo o inverno. Quedémonos co que di O Xixí en Rianxo: cando acaba a Guadalupe empeza a conta atrás para a seguinte.