As portas que transforman O Porto do Son nunha vila propia da época celta

Alejandro Llovo / M. X. B. RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

<span lang= gl >O gran mercado está animado por singulares personaxes</span>
O gran mercado está animado por singulares personaxes Carmela Queijeiro

A animada feira que traslada aos visitantes a tempos pasados conclúe hoxe

26 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Rúas cheas, aparcamentos desbordados e terrazas abarrotadas. Todos viñeron a O Porto do Son para introducirse polas portas que transportan a outra época. A Feira Celta consegue encher un ano máis a vila cun ambiente festivo acompañado dunha decoración baseada no imaxinario celta.

Hoxe é o último dos tres días nos que se poderán encontrar postos cheos de produtos artesanais moi diversos. Olaría, escultura ou traballos na prata son algunhas das técnicas expostas ao longo das rúas da vila. As prazas convértense nos principais centros de interese. O corazón da feira encóntrase na praza de España, que acolle a gastronomía temática e conecta todas as rúas. Na praza do Concello esperan para saír os xigantes ou as figuras itinerantes. Na dedicada a Rosalía de Castro é onde se xuntan os máis pequenos para gozar das atraccións.

A feira atrae a un público variado. Unha parella afincada en Holanda asistiu o venres e encheu as súas bolsas de produtos «moi curiosos». Ao día seguinte, cando quixeron cambiar algo, «tiñamos claro que íamos rematar coas mans cheas».

Tamén os feirantes chegan de diversos puntos do país e incluso de fóra. Unha muller orixinaria de Colombia trae os seus queixos dende Valencia e conta que sempre lle sorprenden os galegos cando proban os seus produtos. Unha vendedora de Salamanca que brinda xoias artesanais destaca Barbanza como a súa zona preferida para vender. «Especialmente me gusta O Porto do Son, porque aquí todo el mundo está muy volcado», sinala.

Diversos personaxes caracterizados sorprenden aos viandantes mentres acoden aos postos. Non son só os animadores os que se toman en serio a indumentaria celta, senón que tamén a locen os feirantes e incluso algún visitante. Todo o mundo pode formar parte, xa que hai comercios locais que confeccionan traxes perfectos para a ocasión.

Os momentos nos que máis xente acode son a hora de comer e de cear. Unha veciña que reside nunha das rúas da feira admite que non é doado facer vida con normalidade durante estas datas, «pero yo siempre estoy muy contenta de que se llene la villa de esta manera tan festiva».

Cada ano, a Feira Celta non só crece en visitantes, senón tamén na gran variedade de postos que se unen á proposta. Os negocios locais son moi flexibles, incluso hai algúns que se adaptan en gran medida á festa coa decoración, as súas cartas e incluso a vestimenta dos traballadores.

Hoxe está programado, como despedida, un pasarrúas de gran formato con Aldrán, o señor do aire, que clausurará as portas da feira ata a cita do ano que vén.